O atraso na vacinación e o reparto inxusto dos fondos centran as críticas a Feixoo

Defender unha posición de país para que a Galiza non fique discriminada no reparto que o Estado realice dos fondos europeos de recuperación foi o que exixiu Ana Pontón (BNG) na sesión de control ao Goberno galego que decorreu este 14 de abril no Parlamento. Gonzalo Caballero (PSdeG), pola súa banda, criticou o atraso na vacinación contra a Covid-19 na Galiza, mentres que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, optou por cargar contra a oposición pola súas críticas á reforma da lei de Saúde galega que o Estado xa recorreu ante o Tribunal Constitucional [VÍDEO NO INTERIOR].
 
Alberto Núñez Feixoo na sesión de control ao Goberno galego deste 14 de abril
photo_camera Alberto Núñez Feixoo na sesión de control ao Goberno galego deste 14 de abril

"Os fondos Next Generation serán un monumental fiasco para o noso país pola súa incapacidade", espetou a líder da oposición, Ana Pontón, ao titular do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo, durante a sesión de control ao Goberno galego desta cuarta feira, 14 de abril. Pontón afirmou que "a Galiza ten que recibir máis de 12.000 millóns, pero podemos asegurar que recibiremos moito menos e que estes cartos acabarán en mans de transnacionais", proseguiu a nacionalista para asegurar que a "incapacidade" de Feixoo para "defender os intereses da Galiza fai que perdamos centos de miles de millóns de euros".

Pontón recordou que "os precedentes" non convidan ao optimismo, sinalando que "dos 16.000 millóns de fondos para as autonomías pola crise da Covid-19, Galiza recibiu 739 millóns, 280 millóns menos dos que lles correspondían”. 

“E isto é así porque non foi capaz de negociar unha distribución que non discrimine as galegas e galegos, como é a taxa de desemprego que non conta a sangría da emigración; como o PIB por habitante que ignora o efecto estatístico, porque non é que sexamos máis ricos, senón que somos menos a repartir porque hai 200.000 mozas e mozos que colleron as maletas. E até se computou como criterio as viaxes en metro ou en tranvía, que até onde eu sei non existen na Galiza", relatou a nacionalista. 
Nese sentido, preguntou ao presidente "que está facendo para que os cartos que nos corresponden non se perdan polo camiño do centralismo?"

Na resposta, Núñez Feixoo acusou o Bloque de ser muleta do PSOE á vez que "dependentes nas formas” dos independentistas. O presidente chegou mesmo a colocar o Bloque e o PSdeG do lado de Vox, por ir en “contra dos intereses da Galiza”, dixo, en referencia ás críticas destas formacións á reforma da lei de Saúde galega que o Parlamento aprobou este ano cos únicos votos do PP. 

Na cola da vacinación

O secretario xeral dos socialistas, Gonzalo Caballero, preguntou sobre o proceso de vacinación, advertindo da existencia de “eivas” e sinalando que “somos antepenúltimos [no Estado] en vacinación das persoas maiores de 80 anos”, ao tempo que ofreceu a súa man para lograr un “acordo de país” que mellore o proceso de inmunización e “fortaleza a Atención Primaria”.

Feixoo, pola súa banda, respondeu acusando o Goberno español de non subministrar vacinas abondo e criticou a "tardanza" do Executivo estatal en actuar no principio da pandemia, nunha nova alusión, sen nomealo directamente, ás manifestación do 8-M de 2020.
"Non podemos vacinar se non hai vacinas, ese é o problema fundamental da porcentaxe de vacinación na Galiza", argumentou o presidente.

A pesar das dubidas que xeran autoridades estatais e europeas, "100% dos galegos maiores de 80 anos estarán vacinados coa segunda dose e por tanto totalmente inmunizados nos últimos días de abril ou primeiros de maio, sendo a segunda comunidade con maior poboación de maiores de 80 anos", aseverou Feixoo, que rematou a resposta a Caballero cualificándoo de “deputado inútil para Galiza”, cargando con dureza contra o Goberno de Pedro Sánchez polo recurso de inconstitucionalidade á lei de Saúde: “En plena pandemia, afúndennos unha lei para xestionar a pandemia”, criticou.

Memoria democrática

A sesión no Parlamento deste 14 de abril coincidiu co 90 aniversario da instauración da II República española. "Viva a república" exclamou Caballero ao inicio da súa intervención, pondo en valor os valores republicanos e recordando as vítimas do franquismo como o alcalde compostelán do Partido Galeguista Anxel Casal. Pontón lembrou as e os que loitaron para que a Galiza lograse o Estatuto de 1936, cuestionando as loas á república dun PSOE que impide no Congreso que se investigue o rei emérito Juan Carlos I e a Coroa.

Comentarios