domingo 18/04/21

O Goberno español interpón recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de saúde de Galiza

O Executivo estatal propón a impugnación ao considerar que a norma galega introduce restricións e limitacións aos dereitos fundamentais que segundo o artigo 81 da constitución española están reservadas a unha Lei Orgánica.
A ministra de Facenda, María Jesús Montero (Foto: Europa Press).
A ministra de Facenda, María Jesús Montero (Foto: Europa Press).

A ministra portavoz, María Jesús Montero, anunciou esta terza feira que o Consello de Ministras acordou interpoñer un recurso de inconstitucionalidade contra a modificación da Lei de saúde de Galiza.

O Goberno español preguntara hai unhas semanas ao Consello de Estado sobre a posíbel constitucionalidade desta modificación de lei, e é agora cando o Executivo estatal pronunciouse a favor de presentar este recurso tras o ditame deste órgano.

Segundo defende o Goberno español, a norma realiza unha serie de modificacións en medidas preventivas por razóns de protección de saúde pública e do réxime sancionador que recibiron observacións de inconstitucionalidade por parte dos correspondentes departamentos ministeriais.

O prazo para a interposición do recurso de inconstitucionalidade finaliza o 26 de maio de 2021.

O Executivo estatal propón a impugnación ao considerar que a norma galega introduce restricións e limitacións aos dereitos fundamentais que segundo o artigo 81 da constitución española están reservadas a unha Lei Orgánica.

Neste punto, a norma galega "regula pormenorizadamente" os mecanismos extraordinarios para tutelar a saúde pública ante crises sanitarias con respecto á lexislación estatal, "incidindo sobre os dereitos fundamentais dunha maneira que non se pode considerar un mero desenvolvemento da Lei Orgánica estatal”.

Aquí, poñen de exemplo o artigo 5, que establece entre outras medidas preventivas en materia de saúde pública que Galiza poderá someter "a medidas  profilácticas de prevención da enfermidade, incluída a vacinación ou inmunización". Tamén o artigo 7, que engade medidas preventivas en materia de saúde pública, a lei autonómica vulnera a reserva da Lei Orgánica.

Así mesmo, o Goberno español tamén cre que serían inconstitucionais as previsións contidas nos apartados 12, 13, 14 e 15, que constitúen o réxime de infraccións e sancións asociado ás condutas reguladas nos apartados 5 e seguintes.

Con todo, o Executivo cre que a norma pode vulnerar o artigo 116 da constitución, que regula os estados excepcionais. No marco do estado de alarma, as comunidades ostentan atribucións delegadas que non poden utilizarse para aprobar esta lei ordinaria "coma se fosen facultades correspondentes á xestión ordinaria das súas competencias".

Tamén se alega á competencia exclusiva do Estado respecto a as bases e a coordinación xeral da sanidade que recolle a Constitución.

Por último, respecto a posibilidade de obrigar os cidadáns a vacinarse, tamén se entende que ademais de afectar a reserva de Lei Orgánica e ao ámbito competencial do Estado, non considera a estratexia de vacinación aprobada polo Consello Interterritorial que recolle que a vacinación será voluntaria.

comentarios