PP e PSdeG votan contra da proposta do BNG para "descentralizar" a xestión de fondos europeos para a Covid

Os nacionalistas propoñían iniciar co Goberno estatal unha negociación bilateral para rexeitar a centralización de fondos e reclamar a  xestión directa por Galiza daqueles que lle correspondan.
O pleno do Parlamento galego votou os orzamnetos de 2021 (Foto: Arxina)
photo_camera Un pleno do Parlamento galego (Foto: Arxina)

Os grupos do PPdeG e o PSdeG no Parlamento da Galiza votaron en contra dunha iniciativa presentada polo BNG na que os nacionalistas unha xestión “descentralizada” dos fondos extraordinarios da Unión Europea para a reconstrución económica e social, coñecidos como ' Next  Generation'.

No debate da iniciativa, que tivo lugar no pleno ordinario que esta cuarta feira acolleu o Pazo do Hórreo, tanto populares como socialistas criticaron a posición do BNG tanto a respecto dos cálculos dos millóns que demandan para Galiza (un mínimo de 12.600 millóns de euros) como de que exista unha negociación bilateral entre Xunta e Estado para a xestión dos mesmos.

Na defensa da iniciativa, a deputada Noa Presas cualificou de "propaganda" a actuación do Goberno galego sobre os fondos europeos, á vez que afeou ao PP que "parece que compite por entrar no BNG poñéndose a camiseta de galeguistas pero á hora da verdade non defenden o mesmo en Madrid".

Presas criticou as comparecencias do vicepresidente económico, Francisco Conde, durante a comisión de reactivación na Cámara galega, que reduciu a "dúas roldas de prensa" nas que "non achegou máis información que a que aparece nos comunicados da Xunta".

"Os meses pasan e só temos un  Power  Point cutre", dixo Presas sobre os proxectos galegos candidatos a ser financiados con fondos ' Next  Generation', que "pasan de 0 a 108 e volven outra vez para ser só cinco, que non son nin os iniciais".

Nesta liña, o BNG pide que se remitan ao Parlamento Galego "de forma inmediata, no prazo máximo de 3 días", toda a información referente a planificación de proxectos, notificacións enviadas a institucións europeas e estatais así como as correspondentes cos anuncios do Presidente da Xunta de Galiza en sucesivas notas de prensa.

A deputada nacionalista demandou a creación dunha ponencia para elaborar unha "proposta de consenso para ser defendida mediante negociacións bilaterais por parte da Xunta de Galiza ante o Estado de cara á negociación da distribución dos 140.000 millóns de euros procedentes da Unión Europea"..

Necesidade

O Bloque considera "necesario e urxente" que Galiza teña unha "posición proactiva" sobre cales son os criterios que deben pivotar ese reparto e corrixir o "papel subsidiario" que está a adoptar a Xunta, así como a súa "falta de transparencia ao dialogar exclusivamente cunha lista de empresas elixidas arbitrariamente".

Así mesmo, o BNG considera que "é preciso que Galiza se posicione arredor dun obxectivo claro respecto de que contía aspira a conseguir e que se xere un consenso político arredor de que ámbitos e proxectos deben ser os seleccionados".  

Comentarios