Feixoo acusa BNG de estar con Vox “contra os intereses de Galiza” e a Caballero de ser "un deputado inútil "

Os nacionalistas instárono a traballar por uns fondos Next Generation xustos para Galiza e os socialistas instárono a corrixir eivas no proceso de vacinación.

Alberto Núñez Feixoo (PP), Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo (PP), Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG).

14 de abril, 90 aniversario da II República española e a data tivo eco no Parlamento. Tanto Ana Pontón (BNG) como Gonzalo Caballero (PSdeG) tiveron palabras para a efeméride. A nacionalista, para lembrar os que loitaron para que Galiza tivese un estatuto de seu, o socialista, para defender os “valores republicanos”.

Foi, en ambos os casos, un breve ‘introito’ para as respectivas preguntas a Núñez Feixoo na sesión de control no Parlamento, unha cita que o presidente toma cada vez máis coma un ‘corpo a corpo’ cos portavoces da oposición. Independentemente das cuestións formuladas, as respostas de Feixoo sempre procura atacar, cuestionando o opoñente.

Fíxoo primeiro con Gonzalo Caballero. O portavoz do PSdeG preguntaba sobre o proceso de vacinación na Galiza, advertindo da existencia de “eivas” (“somos penúltimos en vacinación de maiores de 80 anos”) e “tendendo a man” para un “acordo de país” que mellorase o proceso e tamén “fortaleza Atención Primaria”.

O presidente respondeu acusando o Goberno español de non subministrar vacinas abondo e a seguir falou da ‘tardanza’ do Executivo estatal en actuar nos principios da pandemia, volvendo a se referir a “manifestacións” que derivaron en “mortes”, nunha nova referencia de Feixoo (e non é a primeira nin a segunda) a vincular a mobilización do 8-M coa expansión da Covid, un argumento da extrema dereita sen base real.

Feixoo cualificou Gonzalo Caballero de “deputado inútil para Galiza” e cargou con dureza contra o Goberno de Pedro Sánchez polo recurso á Lei de Sanidade: “En plena pandemia, afúndennos unha lei para xestionar a pandemia”, criticou.

Con Ana Pontón, Núñez Feixoo despregou na súa quenda de respostas un argumento variado mais xa coñecido: acusou os nacionalistas de ser ‘comparsas’ do PSOE aio tempo que os situaba como “dependentes nas formas” dos independentistas.

Mesmo situou o BNG no mesmo bando que VOX, un bando que sería os de que están en “contra dos intereses de Galiza”. Precisamente que defendese os intereses de Galiza era ao que lle instaba Ana Pontón na súa pregunta, desta vez en refrencia aos fondos Next Generation.

A líder do Bloque indicaba que os precedentes non convidaban ao optimismo: dos 16.000 millóns de fondos para as autonomías pola crise da Covid Galiza recibiu 739 millóns, “280 millóns menos dos que lles correspondían”.

Por iso, instou Feixoo atraballar para que nos fondos Next Generation non aconteza iso. “Vostede só se pon ´gallito`para defender Ence”, reprochoulle, ao tempo que lle exixía que actuase como presidente e que defendese para Galiza uns fondos que revertesen na economía produtiva (“e non acabden en mans de 4 multinacionais”).

Comentarios