O Congreso aprobou esta quinta feira de forma definitiva a Lei de benestar animal e os dereitos dos animais con dous terzos das emendas propostas polo Senado, sen incluír os cans de caza nin a obriga de que tanto as persoas ao seu coidado como os propios animais pasen un exame que permitise valorar a súa aptitude para se desenvolver no ámbito social.
A norma exclúe os cans de caza mais tamén os de pastoreo, deporte, salvamento ou de policía, ademais dos animais de produción e experimentación e dos touros, que deixou fóra desde o principio, e que se rexen por normativas específicas.
Para as entidades ecoloxistas é unha oportunidade perdida. Tamén para quen defendeu no Congreso a eliminación da exclusión do texto das corridas de touros, cuxos, becerradas, toureo cómico, así como soltas o encerros de reses bravas: Més Mallorca, ERC e BNG.
É "contraditorio e inconcibíbel" que a Lei de benestar animal non prohiba as corridas de touros, manifestou o deputado do Bloque, Néstor Rego, para quen estes espectáculos son a "maior expresión de maltrato".
Impunidade
Desde a Asociación Abeiro lamentan que "os animais que máis protección precisan sexan, ao final, os peor parados e os máis indefensos". Para Ánxela Ferro, voceira do colectivo, o feito de lle outorgar "tanto poder aos lobbies da caza e gandaría converte esta lei nunha norma de galería".
Todos os animais excluídos da norma continuará a sufrir, asegura, e "serán as asociacións, sen recursos e sen poder, sobre as que caia toda a responsabilidade unha vez máis, mentres os maltratadores se seguen a mover como con impunidade".
700 cans abandonados
Segundo recolle un estudo do Partido Animalista Pacma sobre o abandono de cans de caza, o ano pasado as protectoras de animais fixéronse cargo en todo o Estado de máis de 12.000 exemplares. Un total de 194 entidades rescataron 12.295 cans de caza, nomeadamente galgos e podencos.
A Galiza, con 699 animais recuperados, sitúase como o quinto territorio con maior número de abandonos, 77% cun estado de saúde "entre malo e pésimo", o que require un gasto en coidados que oscila entre os 1.000 e os 30.000 euros.
Ánxela Ferro asegura a Nós Diario, que "todo o que sexa dar dereitos aos animais é un avance", pero é necesario que se cumpra a lei. "De nada serve que mellore se non se aplica", e menos aínda se "deixa fóra animais que non poden seguir agardando".
Sufrimento cero
A norma aprobada onte centra o seu contido nos animais domésticos. O seu obxectivo é acabar cos malos tratos e o abandono animal así como alcanzar o sacrificio cero, polo que acorda un endurecemento das sancións até 200.0000 euros segundo a gravidade da infracción no Código Penal.
Finalmente, o texto aprobado permite que as persoas sen fogar poidan seguir tendo animais de compañía e prohibe deixar un animal sen supervisión máis de tres día seguidos.