O Congreso aproba a lei de benestar animal que exclúe as touradas e os cans de caza

A norma de benestar animal obtivo os 174 votos a favor de PSOE, UP, ERC, EH-Bildu e CUP; a abstención de BNG, Teruel Existe e Compromís e 172 votos en contra do PP, Vox, Cs [que inicialmente anunciara a súa abstención], PNV, PdeCat, Junts per Cat, Máis País-Verdes Equo, UPN, Foro Asturias e PRC.
Congreso dos deputados. (Foto: Congreso)
photo_camera Congreso dos deputados. (Foto: Congreso)

O pleno do Congreso aprobou finalmente esta quinta feira o proxecto de lei de benestar animal, que exclúe da súa aplicación os cans de caza, as touradas e outros animais de traballo, como defende o PSOE e tamén a reforma do Código penal para modificar as condenas por delito de malos tratos animais con 178 votos a favor, 165 en contra e 5 abstencións.

A norma de benestar animal obtivo os 174 votos a favor de PSOE, UP, ERC, EH-Bildu e CUP; a abstención de BNG, Teruel Existe e Compromís e 172 votos en contra do PP, Vox, Cs [que inicialmente anunciara a súa abstención], PNV, PdeCat, Junts per Cat, Máis País-Verdes Equo, UPN, Foro Asturias e PRC.

O texto da lei foi aprobado con varias emendas pactadas. En concreto, foron apoiadas dúas emendas presentadas por EH-Bildu: unha que impide derrogar o réxime xurídico de tenencia de animais potencialmente perigosos, e outra, para mellorar a coordinación dos rexistros autonómicos de animais de compañía, pero de acordo co exercicio das competencias destas.

Ademais, incluíuse no texto lexislativo unha emenda de ERC para o tratamento dos gatos e as colonias felinas, de modo que fican á marxe de ser recolocados ou desprazados os gatos que vivan en liberdade e supoñan un impacto negativo aos espazos naturais protexidos e Rede Natura 2.000 ou un impacto negativo á fauna protexida ou un risco para saúde e a seguridade públicas ou que sexa incompatíbel coa propia preservación da calidade de vida dos propios felinos.

Así mesmo, outra emenda transaccional de ERC elimina certos requisitos para o transporte de animais de compañía destinados a actividades deportivas ou lúdicas, incluídas as cinexéticas, que se efectúe mediante remolques, carros ou gaiolas.

Outra emenda máis de ERC, que conta co apoio do PSOE, modifica os puntos relativos ao artigo competencial da norma e estabelece a parte da lei que será de aplicación no conxunto do Estado.

Finalmente, o pleno aprobou unha emenda transaccional exposta por Unidas Podemos e que contou co apoio do PSOE pola que se elimina a disposición adicional sétima relativa ás condicións do mantemento dos cetáceos en catividade.

Abstención do BNG

O BNG xustificou a súa abstención a este proxecto de lei por considerala insuficiente. O deputado da formación nacionalista no Congreso, Néstor Rego, afirmou que se trata dunha “norma decepcionante para numerosas persoas e colectivos. Unha norma con luces e sombras”.

Entre os motivos que Rego esgrimiu están que a lei “non exclúe as touradas, non promove a recuperación de razas autóctonas e exclúe os cans de caza”.

Versión do Goberno

No debate, a ministra de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Ione Belarra, defendeu que por primeira vez o Estado terá unha lei que sirva "de paraugas de protección" e que dá un paso adiante para estar á altura da sensibilidade dos cidadáns e que "empezará a terminar coa impunidade da que gozaron os maltratadores".

Comentarios