POLÍTICA

Nós-UP aposta no reforzo da esquerda independentista face a ''ofensiva do capitalismo español e da UE''

Nós-UP aposta no reforzo da esquerda independentista face a ''ofensiva do capitalismo español e da UE''

A organización visou na súa VII Asemblea Nacional, desenvolvida en Teo, a necesidade de reforzar a esquerda independentista nun marco de crise xeralizada no Estado español

NOs-UP

Nós-Unidade Popular realizou no concello de Teo, perto de Compostela, a súa VII Asemblea Nacional, unha cita que decorreu sob o lema de 'Sempre com independência'. Precisamente construír a independencia como elemento fulcral para a construción na Galiza dun outro modelo xusto e igualitario e de quebra coa explotación foi unha das cuestións de debate.

Na cita a organización reafirmou o princípio "da auto-organización" como condición "sine qua non para resolver os problemas da Galiza e das suas maiorias sociais". Reafirmou igualmente a aposta en "aprofundar e alargar a unidade de acción do soberanismo de esquerda e a necesidade de reforzar as estruturas amplas de loita e mobilización em prol da República Galega", en referencia a Galiza pola Soberania (GPS), pois é “a mais sólida iniciativa suprapartidária para fazer medrar a consciencia nacional da Galiza”.

Espazo propio

Iso, sinalan en Nós-Up, non é contraditorio coa creación dun espazo próprio, claramente autónomo e independente, "alternativo ao que o BNG e AGE representan, pois nunca tivemos, nen temos, vocación de ser apéndice de ninguén”.

Na asemblea o informe de xestión aprobouse co máis do 80% de apoio [email protected] asistentes, e as teses organizativas e política tamén foron avaladas, após o correspondente debate, por “claras maiorías”, segundo a organización independentista. No acto de encerramento houbo presenza de representantes dunha vintena de organizacións e colectivos.

Portavocía e Dirección Nacional

A única lista apresentada foi encabezada por Rebeca Bravo, que deste modo foi reeleita porta-voz nacional de Nós-UP, e está conformada por Maurício Castro, Helena Embade, Carlos Morais, Lara Soto, Bruno Lopes Teixeiro, Zéltia Fernandes Lamas, José Dias Cadaveira, Maria Sanches, Alberto Angulo, Antia Marinho, Iago Moreno, Paula Alonso,Telmo Varela e Roberto Rodrigues.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios