Antón Sánchez pon o acento en que o PP non retransmite en directo os seus conflitos internos

O líder de Anova non quixo entrar no fogo cruzado con Luís Villares após o portavoz de En Marea ter cargado esta terza feira contra Pablo Iglesias. A "sobreexposicion mediática" e as voltas arredor dos conflitos internos só valen para lle dar "armas ao inimigo", razoou Antón Sánchez no Parlamento galego a perguntas dos medios.

Antón Sánchez, Luís Villares e Mónica Oltra. Manifestación vítimas Alvia. 24 de xullo de 2018.
photo_camera Antón Sánchez, con Luís Villares e Mónica Oltra uns pasos por detrás nunha marcha das vítimas do Alvia

Por que o PP decidiu adiar a elección por parte do pleno do Parlamento galego das e dos representantes da cámara no Senado? Sánchez alegou que a formación conservadora tomou esa decisión, que puido materializar ao dispor de maioría absoluta na xunta de portavoces e na Mesa, "sen dar ningún tipo de explicacións".

Miguel Tellado, portavoz do PP, insinuou que unha das razóns do adiamento ten a ver coa crise do grupo de En Marea: o seu eventual desmembramento outorgaría ao PSOE a condición de segunda forza da cámara e, portanto, a praza no Senado que lle corresponde á oposición iría para o PSdeG e non para a confluencia.

A oposición ten, porén, outra percepción, a de que o PP ten un conflito interno a respecto de que candidatos promover para a Cámara alta —como grupo maioritario pertencenlle dous escanos— e prefire agardar a que pase o 15 de xuño, data de constitución dos concellos, para tomar unha decisión.

O asunto sería que no PP hai moitos aspirantes a ocupar esas dúas prazas após os maos resultados do 26M e que é mellor tomar a decisión após se esclarecer que porción do poder municipal é quen de reter.

A maquinaria propagandística do partido do goberno teríase empregado a fondo para difundir a idea de que os problemas internos non os teñen eles, senón as e os mareantes (con independencia de que estes si os teñen, como informou esta terza feira Sermos Galiza).

E a realidade é que no espazo da confluencia non hai tregua. Na Galiza Luís Villares bateu esta terza feira contra o líder de Podemos —"está empeñado en destruír a convivencia e a confluencia"—, mentres no Estado Pablo Iglesias destituía Pablo Echenique como secretario de Organización, substituído esta cuarta feira polo deputado canario Alberto Rodríguez.

Interpelado polos medios sobre as declaracións de Villares, Antón Sánchez quixo pór un corta-lumes e dixo rexeitar "debates estériles" que só serven para engordar os adversarios políticos. 

"Se non aprendemos do que nos di a xente, mal imos", reflexionou o líder de Anova, formación que após non ter participado nos dous últimos procesos electorais ten aberto un período de reflexión sobre a recomposición do autodenominado espazo da unidade popular.

Non alimentar as polémicas internas, esa é a receita á que se aferra Sánchez, quen non dubidou en pór o PP como exemplo: "Xa me gustaría que o PP retransmitise o que ocorre" no seu interior, dixo.

Aprazamento da reunión

Ao se aprazar sine die o pleno para a elección das senadores e senadores en representación da comunidade autónoma, a confluencia acordou tamén adiar a xunta inicialmente prevista para esta cuarta feira após un primeiro encontro falido en que a maioría se opuxo á candidatura da villarista Mariló Candedo.

Sánchez mostrouse convencido de que finalmente "se chegará a unha solución" de consenso. A tríade Podemos-EU-Anova podería optar por unha figura non vinculada organicamente a ningún dos partidos da confluencia.

Comentarios