Antón Gómez-Reino renuncia a concorrer nas listas de Sumar

Entre outras actividades nas Cortes, foi relator na lei para a transferencia da AP-9 e vicepresidente segundo da Delegación española da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa desde febreiro de 2020.
Yolanda Díaz e Gómez Reino nunha imaxe de arquivo (foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Yolanda Díaz e Gómez Reino nunha imaxe de arquivo (foto:

O deputado de Galicia en Común pola Coruña, Antón Gómez-Reino, renuncia a presentarse nas candidaturas de Sumar para as eleccións do próximo 23 de xullo. Con todo, esta renuncia, que cingue a cuestións persoais, non o afastará do todo da política e, é de esperar que xogue “outro papel” na campaña electoral.

Gómez-Reino, que está previsto que explique as súas razóns este mesma terza feira nas súas redes sociais, foi deputado desde o ano 2015 e foi presidente da Comisión de Traballo, Inlusión Social e Migracións desde febreiro do 2020 até maio de 2023.

Entre outras actividades nas Cortes, foi relator na lei para a transferencia da AP-9 e vicepresidente segundo da Delegación española da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa desde febreiro de 2020. Ademais, é un dos impulsores da primixenia Marea Atlántica da Coruña e asumiu as rendas de Podemos Galicia en 2018.

Ademais, liderou a candidatura de Galicia en Común -xurdida do espazo da extinta En Marea- nas eleccións de 2020 que deixaron fóra do Parlamento este espazo político que tivo as súas orixes en 2012 con AGE. Gómez-Reino asumiu ese papel sendo deputado nas Cortes tras unha negociación no espazo na que se impuxo a vontade de Pablo Iglesias de que o cabeza de lista tiña que ser de Podemos, o que situou a Gómez-Reino de cartel nas galegas.

Deputado xunto a Díaz

Gómez-Reino, xunto con Yolanda Díaz, son os únicos dous deputados deste espazo político polas circunscricións galegas que actualmente teñen escano no Congreso, ao lograr representación pola Coruña e Pontevedra.

A política ferrolá conseguiu o seu escano tras desembarcar na circunscrición de Pontevedra, o que lle custou á actual secretaria de Estado de Igualdade, Ángela Rodríguez, 'Pam', quedar fóra do Congreso ao concorrer de segunda. Precisamente, a número dous de Irene Montero está fóra das quinielas para repetir a súa candidatura por Pontevedra e tampouco ten encaixe na lista madrileña.

A proximidade de Gómez-Reino con Díaz chegoulle a custar as críticas de Pablo Iglesias quen, durante un faladoiro radiofónico, relacionou ao seu "amigo" cos "cus" que buscan un escano en política e ao que lle recomendaba "disimular" as súas "ambicións persoais".

Para o proxecto de Sumar, no caso da circunscrición da Coruña e salvo sorpresa, todo apunta a que a presidenta de Sumar e estreita colaboradora na Galiza deste proceso, Marta Lois, será a persoa que liderará a lista pola Coruña.

Comentarios