Borja San Ramón, o candidato de Gómez-Reino, gaña as eleccións primarias en Podemos Galicia

A candidatura 'Tecer Galicia' duplica os apoios recibidos por 'Rexurdir'.
Borja San Ramón, secretario xeral de Podemos na Galiza. (Foto: Europa Press)
photo_camera Borja San Ramón, novo secretario xeral de Podemos na Galiza. (Foto: Europa Press)

Podemos xa ten novo líder na Galiza. A candidatura 'Tecer Galicia', liderada por Borja San Ramón e apoiada polo ex secretario xeral da formación morada, Antón Gómez-Reino, vén de alzarse coa vitoria nas eleccións primarias decorridas entre o 8 e o 14 de decembro.

Os comicios saldáronse, segundo vén de coñecer Nós Diario, cun contundente triunfo de San Ramón sobre o candidato de 'Rexurdir Galicia', Gonzalo Busqué —avalado por Juan Carlos Monedero—, a quen practicamente duplicou en votos: 918 fronte a 476 dos 1.439 totais emitidos. Houbo outros 45 sufraxios en branco (3,1%) e ningún nulo.

Nunha recente entrevista concedida a este xornal, Borja San Ramón defendía que "canto maior sexa o peso político de Podemos Galicia, maiores serán as posibilidade de rematar co dominio do Partido Popular e recuperar as institucións do autogoberno galego para a maioría social".

"Chamei a Borja para felicitalo e poñernos á súa disposición desexándolle os maiores éxitos, porque entendemos que os seus serán os de Podemos Galicia. Entramos seis [de 'Rexurdir'] no novo Consello Cidadán e estaremos aí traballando e apoiando no que nos demanden. Reitero a miña noraboa aos gañadores", comentou Gonzalo Busqué en declaracións ás que accedeu Nós Diario após coñecer o resultado electoral.

Tal e como relata Busqué, a súa candidatura logrou seis dos 24 asentos que conforman o Consello Cidadán Autonómico da Galiza, cuxa elección foi a seguinte por orde de votos recibidos: Verónica Hermida, Antón Gómez-Reino, Ximena Cheda, Manuel Nogueira, Gloria Alonso, María Luisa Lores, Isabel Faraldo, Mercedes Martínez, Alfonso Víctor Ferreiro, Andrea Obenza, Marcos Villar, Susana López, Gonzalo Busqué, Amelia Vázquez, Liubomir Dolisnii, Lorena País, Rosario Varela, Román González, Francisco de Asis, Juan Manuel da Silva, Bruno Ramos, Eusebio Ónega, Ana María Guzmán e Natalia Brión.

Por outra parte, a Comisión de Garantías Democráticas de Podemos no país queda conformada, após este proceso electoral, por Elena Pernas, María Jesús Pereiro, María de la O Fernández, Ángel Herrera, Juan Pardo, Mariana Cretu, Xoán Álvarez Rodríguez, Anxo María Castro, Alba Navarrete e Óscar Lomba.

Comentarios