28-M

Antón Gómez-Reino: "Erramos en 2019 ao non entrar nos gobernos locais, mais tras o 28-M farémolo"

Antón Gómez-Reino (A Coruña, 1980) foi secretario xeral de Podemos na Galiza e é deputado no Congreso español desde 2016. Figura de referencia no espazo político que hoxe busca agruparse arredor de Sumar e Yolanda Díaz, aborda entre outras cuestións electorais a incapacidade de manter a unidade das antigas Mareas nas candidaturas municipais. Esta conversa fai parte do ciclo de entrevistas ao redor dos comicios do 28 de maio nas que participaron Paula Prado (PP), Alberto Varela (PSOE) e, proximamente, Ana Pontón (BNG).
Antón Gómez Reino, deputado de Galicia en Común-Podemos.
photo_camera Antón Gómez Reino, deputado de Galicia en Común-Podemos.

—Podemos presenta 32 candidaturas con diferentes coalicións, 17 delas en solitario, pero lonxe das estruturas que conseguiron alcaldías en grandes cidades coas Mareas en 2015 e minguaron en 2019. Como se explica a división?
É a fotografía dunha conxuntura. En 2015 viñamos dun ciclo á alza moi importante, na Galiza e tamén no Estado, e soubemos tocar a tecla adecuada, renovando os procedementos democráticos e innovando cos programas e as experiencias de goberno. Esa é a carga do éxito, pero tamén tivemos dificultade para trasladar iso a unha organización consolidada, probabelmente porque fomos moi avanzados na amplitude das nosas alianzas, non só Podemos, Esquerda Unida e colectivos sociais, tamén cun espazo soberanista como Anova. Despois foi complicado consolidalo. Agora tentamos que veñan tempos, que duran anos e non son sinxelos, para facer organización. Estamos nun ciclo electoral longo que vai até as autonómicas, e coido que non haberá cambio consolidado na Galiza sen termos nós representación no Parlamento e no Goberno galegos.

—Cales son as expectativas e como inflúe o debate producido en precampaña coa presentación de Sumar, as diferenzas coa organización central de Podemos e as contradicións que todo iso xera? Vostede mesmo sería un exemplo palmario desa disxuntiva.
Sumar e Yolanda Díaz expresaron que non ían ir ás municipais. As diferenzas estanse resolvendo moi positivamente sendo un espazo político moi diverso e plural. Creo que se está facendo ben en territorios complicados como pode ser Madrid ou València, onde se están apoiando as candidaturas de Unidas-Podemos e facendo acenos a outras. Na Galiza, Yolanda apoia candidaturas consolidadas, como Compostela Aberta, e tamén a liderada por Xosé Manuel Sande na Coruña. Pasadas estas eleccións, confío en que se perciba que Irene Montero, Ione Belarra, Alberto Garzón e Yolanda Díaz tamén fan campaña conxunta. Será a filosofía que prepare o terreo para o espazo futuro de Sumar, nunhas eleccións xerais nas que as expectativas demoscópicas nos obrigan a chegar a acordos para seguir sendo terceira forza política do Estado. Todas as forzas progresistas saben que un bo resultado de Sumar é decisivo para consolidar o actual ciclo progresista que é tan singular, case unha anomalía, no conxunto de Europa e das economías máis potentes.     

—A campaña está no seu ecuador e a axenda mediática énchese de mensaxes en chave de eleccións estatais, “sanchismo” e “ETA” como argumentos do PP. Dá a sensación de estarmos na primeira volta dunhas xerais. Como pode influír nos resultados esa dinámica de polarizar e simplificar?
A xente sabe o que vota en cada proceso. Os que nos dedicamos a isto e percibimos o clima social sabémolo tamén. A dereita, no momento posterior á pandemia, conseguiu crear unha tensión no seu campo sociolóxico e no clima político e electoral. Derivado de diferentes aspectos (avances positivos en economía, en emprego,…) e tamén por algo que sabemos ben na Galiza, o pouco punch de Núñez Feixoo, que vestía un traxe creado pola TVG e algúns medios hexemónicos afíns. Afortunadamente, estase vendo que queda moi lonxe do tsunami azul que anunciaban cando chegou. Hai moitos esforzos que facer para rachar a falsa fotografía de ser o noso un país de voto conservador, cando nas 10 principais cidades galegas por poboación non goberna o PP en ningunha. Despois do 28 de maio seguirá habendo unha maioría de gobernos progresistas, non en solitario do PSOE, senón tripartitos e cuatripartitos en moitos casos. 

—O 17 de maio aprobouse a Lei de Vivenda, que non ten aplicación inmediata, pero está sendo un tema central electoral e tamén na preocupación cidadá, aínda non sendo competencia municipal.
Os concellos teñen unha capacidade limitada. Non é por varrer para a casa, pero o concello de Barcelona ten adoptado medidas importantes. Hai que ser creativo e lembro que cando Xiao Varela foi concelleiro na Coruña fixo unha política moi activa para o que se tiña visto anteriormente. Aplicar a nova lei vaille permitir ás autonomías e aos concellos maior marxe para actuar na materia. Unidas Podemos o que facemos é presionar desde o Goberno para tomar decisións a prol de políticas públicas de vivenda. Cada vez que vou á Coruña vexo que as políticas sociais, de vivenda, urbanísticas, medioambientais son limitadas pero teñen un grande apoio cidadá e son máis avanzadas cando o PSOE non goberna en solitario.

Creo que foi un erro que en 2019 o noso espazo político non entrara nos Gobernos municipais e ese erro deberase corrixir despois do 28 maio. Aínda que o decidirán as asembleas en cada vila ou cidade no que se debata. Creo que a xente pensa que debemos entrar e condicionar as políticas que se levan adiante en todos os niveis que poidamos. Tamén o fixo o BNG e creo que debemos facelo nós e deixar impreso o noso ADN nos Gobernos.

—Outra marca daqueles gobernos foron os intentos frustrados de remunicipalizar servizos. Volverano intentar?
Auga, transporte,…. houbo experiencias e intentos na Coruña, en Compostela, etc. e sempre con moitos obstáculos, ás veces procedimentais, sempre avivados polo PP mesmo xudicialmente. Hai que teimar nesa liña, e hai experiencias de referencia tamén noutros espazos políticos, sen ir máis lonxe en Oleiros. Hai que seguir intentándoo. Creo que non só nós o levamos nos programas, creo que tamén o BNG, referido aos servizos de atención ao fogar, que é algo moi importante en vilas grandes e pequenas e tamén nas cidades, e os concellos deben tomar da súa conta para que non queden en mans que os xestionen inadecuadamente. Hai que afondar en todos estes servizos públicos e máis nunha sociedade galega cunha pirámide demográfica como a que temos.

—Vai vostede participar en actos da campaña?
Só pode ser nesta recta final, e vou estar en varias cidades e vilas onde temos candidaturas (Ourense, O Grove, Vilagarcía, Baiona...).

—Vota na Coruña, ten o corazón partido?
Non, non. Na Coruña fíxose un esforzo ímprobo dos compañeiros de EU e Podemos, moitos deles fundadores da Marea Atlántica. Non se conseguiu ir xuntos, pero [José Manuel] Sande, independentemente dos resultados, que xa foi un concelleiro moi ben valorado e que tamén participou nos intentos de remunicipalizar servizos ou reinventou o Festival do Noroeste, vai ter un percorrido importante, tamén no Goberno múltiple que se vai formar despois do 28 de maio. Un PSOE en solitario non fai as políticas públicas que unha cidade tan liberal, progresista e mesmo libertaria como A Coruña precisa.

—Presentou hai pouco unha pregunta no Congreso sobre a eólica mariña. O conxunto do despregamento destas enerxías afecta a unha gran parte dos concellos galegos, e tamén está no debate municipal, con moita polémica sobre o que se pretende construír.
Nós defendemos que o abandono da economía de base fósil é inaprazábel, e este verán veremos en moitas situacións cotiás as consecuencias de irmos con atraso, desde os prezos dos alimentos aos produtos agro-gandeiros. Pero esa transición a enerxías limpas debe planificarse publicamente e as repercusións positivas nos lugares de instalación teñen que ser un imperativo e redundar nos habitantes do concello e da comarca onde se instalan. Hai que quitar das mans de empresas como Greenalia ou Iberdrola os beneficios desa eólica, terrestre ou marítima, que é necesaria. Pero hai que condicionar as instalacións ao mantemento dos ecosistemas e onde somos excedentarios non debe inzarse o país de muíños. Dicir non á eólica ou á solar é irresponsábel, pero é obriga do poder público, e desde a Xunta e os concellos, ser creativos coas demandas dos cidadáns e dos sectores produtivos, sexa a pesca ou o sector agrogandeiro que entre outras cousas produce o 40% do leite no Estado.

Comentarios