Anova terá 2 dos 5 postos que IU reserva para Galiza na candidatura europea

Outras dúas prazas van para Esquerda Unida e unha para Espazo Ecosocialista. Anova e Esquerda Unida constituirán unha comisión electoral paritaria que definirá o modelo de campaña, os actos que se van desenvolver e os perfís dos participantes.

Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz
photo_camera Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz

A candidatura de Izquierda Unida ás eleccións europeas ten cinco postos reservados para Galiza. Dous deles serán para Anova, outros 2 para Esquerda Unida e 1 para Espazo Ecosocialista. Así se desprende do documento remitido por Anova-Irmandade Nacionalista á militancia para explicar o acordo acadado con IU e que ao que tivo acceso Europa Press.

O documento deixa ben claro que se reserva o posto número cinco da listaxe electoral para Anova "con independencia de xénero", e afirma que Anova concorrerá con Esquerda Unida e, ambas as dúas, desenvolverán unha "campaña autonómica, con papeleta e candidatura galegas e visualización do suxeito político galego e dos seus candidatos".

Nesa candidatura haberá dispoñíbeis "cinco postos", a Anova corresponderalle a elección de dous nomes (ademais do 5º,, unha segunda persoa de acordo cos seus procedementos internos). Aínda que non está neste documento, sinala Europa Press, outros dous correspóndenlle a Esquerda Unida e un máis, a Espazo Ecosocialista.

Programa propio

Anova e EU "desenvolverán e concorrerán ás próximas eleccións europeas cun programa electoral propio", que defina as liñas estratéxicas "da nosa nación (galega) en concorrencia cos distintos pobos".

O acordo asinado por Anova e Esquerda Unida compromete ás dúas organizacións a desenvolver unha campaña electoral "en clave galega" e a "decidir en común as persoas que participarán nela".

Comentarios