A asemblea de Moaña abandona Anova por rexeitar a integración na candidatura de IU

Primeiro abandono organizado de militantes da formación de Beiras. A Asemblea Local de Moaña tomou a decisión de deixar Anova por considerar a converxencia con IU unha operación "antagónica" cos principios fundacionais da organización. Mentres, a Asemblea do Val Miñor-Oia acha que Anova se puxo fóra do campo nacionalista e deveu un apéndice da "esquerda federal".

Anova
photo_camera Un aspecto da AN de Anova

A crise interna agrávase en Anova. As dúas liñas en confronto -a partidaria de priorizar o espazo galego e a favorábel a avanzar na converxencia con IU- agudizan as súas contradicións, sen que o portavoz nacional da formación, Xosé Manuel Beiras, sexa quen a apagar o conflito. Onte, o líder afirmaba sentirse "defraudado e desautorizado", nunha entrevista na SER Galiza, despois de ter sido albo das críticas dos seus fieis por terse desmarcado no último momento e ter apoiado a integración de Anova na candidatura de IU a Europa.

Segundo informa El Faro de Vigo, a asemblea local de Moaña tomou a decisión de abandonar Anova por considerar que a formación liderada por Beiras se acha "nunha deriva cara á confluencia coa chamada esquerda federalista española, ao noso entender antagónica cos principios políticos de Anova".

As e os militantes de Moaña -cuxo principal referente é Concha Trigo, quen apresentou a súa demisión na dirección de Anova após o axustado triunfo da opción de Beiras e Martiño Noriega no referendo interno- mostraron, na consulta á militancia, a súa inclinación por concorrer ás europeas con forzas nacionalistas de esquerda e/ou coa esquerda rupturista española, non así con Izquierda Unida.

Afirman que teñen clarísimo que o seu voto o 25 de Maio non vai ser para Izquierda Unida e lamentan que os problemas internos da formación eclipsasen as respostas políticas que é preciso dar nun momento que "o noso país se cae a pedazos". Láianse de que Anova non teña sido capaz "de dar resposta en clave galega aos gravísimos problemas" de Galiza.

"Ollo non imos con IU, imos en IU", salientan militantes do Val Miñor

Mentres, o Grupo de Coordenación do Val Miño submete a consideración da militancia un documento, ao que tivo acceso Sermos Galiza, en que considera que Anova, ao concorrer na candidatura de IU ás eleccións europeas, se sitúa fóra do campo do nacionalismo e vira nun "apéndice da esquerda federal".

"Ollo non imos con IU, imos en IU", salientan os militantes deste grupo, que non desbotan coordenarse no plano comarcal e nacional co sector que votou no referendo interno a opción 2 para no seu caso "tomar unha decisión sobre a nosa continuidade en Anova". A opción 2, derrotada por só 11 votos, preconizaba unha alianza eleitoral con forzas nacionalistas de esquerda e/ou coa sedicente esquerda rupturista española.

Asemblea da Limia: "Non queremos ser comparsas de IU"

Tamén a militancia da Limia se suma ás críticas á liña de Beiras/Martiño Noriega. "Non queremos ser comparsas de IU nin tampouco renunciar ao carácter nacionalista de Anova. Somos nacionalista e non federalistas e non imos renunciar aos nosos principios", afirma a Asemblea da Limia nun comunicado enviado aos meios após unha reunión realizada a pasada sexta feira 21 de marzo.

"Somos nacionalistas e non federalistas", din @s militantes crític@s da Limia, que avanzan que continuarán a defender os seus principios "sexa en Anova ou fóra dela"

Enfatizan que "sexa en Anova ou fóra dela", "loitaremos por unha Galiza soberana desde a esquerda e desde o nacionalismo" e censuran que o pouco que saben dos termos do acordo con IU o saben non pola propia organización, senón "polas declaracións realizadas por Yolanda Díaz, lideresa de EU, a través dos medios de comunicación".

10 candidat@s para 2 prazas

Onte trascendeu que 10 militantes de Anova tomarán parte o 30 de marzo nunha nova consulta á militancia para cubrir as 2 prazas que a formación ten na candidatura de IU a Europa.

Unha delas é a praza número 5, e para elas xa se teñen postulado Lidia Senra -co aval de Beiras- e Luís Eyré Palleiro -dirixente do agora sector crítico, que afirmou presentarse para "emendar o erro estratéxico" de ir canda IU.

As persoas que se candidatarán o día 30 son Ana María Vidal, Lidia Senra, Luis Eyré, Xosé Miguel B. Rodríguez, Eduardo García, Julio Villanueva, David Balado, Xoán Manuel Rodríguez, Carlos Lorenzo e Francisco Javier Rial.

Comentarios