Anova cuestiona a política neoliberal da UE namentres segue aberta a súa crise interna

A formación que lidera Xosé Manuel Beiras celebrou este 2 de febreiro a Conferencia Nacional en que abordou o seu programa para as eleccións europeas. Do acto só tomou parte a quinta parte da militancia: 200 d@s por volta de 1.200 integrantes.

beiras_dentro
photo_camera [Imaxe: X.R.]


Anova realizou este 2 de febreiro a Conferencia Nacional en que abordou o programa con que concorrerá ás eleccións europeas e que saíu adiante co 85,5% dos votos a favor fronte ao 3,3% que colleitou en contra e 7,1% de abstencións. O contido da proposta resumiuna o líder da formación nacionalista, Xosé Manuel Beiras, ao sinalar que o obxectivo é "combater as políticas ultraliberais da Unión Europea". 

Dixo Beiras tamén que "sería absurdo caer no erro doutras forzas políticas" que comezaron a tecer alianzas para unha candidatura aos comicios fixados para maio, "cando o primeiro que cómpre facer é fixar o posicionamento desa formación a respeito da problemática que padece a Galiza dentro da UE". Esa postura en Anova pivota ao redor de "tres eixos básicos" que serían, tal e como enunciou, que os suxeitos políticos sexan os pobos e combater a política neoliberal da UE para que esta deixe de ser "instrumento de opresión da maioría social" para se colocar "ao seu servizo". 

O sector crítico di que a candidatura ''virá cociñada'' pola dirección de Anova

Con todo, dentro de Anova hai quen non está de acordo con Beiras. A crise interna agrávase e, ao entender do sector crítico, a baixa participación da militancia nesta Conferencia Nacional é un bon síntoma diso. Así as cousas, Rafael do Pico sinalou en declaracións aos medios de comunicación que "os temas que se someten a debate son insuficientes" e que @s integrantes da formación política non teñen información sobre o contido das conversas con outras forzas para concorrer ás eleccións. 

"A dirección insistiu en que só se falara de cuestións programáticas e nada de alianzas, de como se concreta a política da fronte ampla", continuou Do Pico. Dixo tamén que "boa parte da militancia entendeu que non pagaba a pena vir a un evento baleiro de contido".

O vindeiro sábado, 8 de febreiro, a Coordenadora Nacional estabelecerá a data do referendo en que Anova escollerá "a maneira" en que participarán nos comicios. O sector crítico reclama información non só das formacións políticas coas cales se están a manter conversas, senón tamén o contido desas conversas "e para iso tiña que ter servido esta Conferencia Nacional", concluiu Rafael do Pico, quen recalcou que non ten "nengunha dúbida" de que a candidatura "virá cociñada" pola dirección.

Comentarios