18-F

Ana Pontón pide seriedade a PP e PSdeG e sinala a solución para Alcoa: "Intervención pública"

A líder do BNG escolleu Lugo para destacar que, tras "seis presidentes homes, todos de forzas estatais", é "o momento" de ter unha presidenta "coas mans libres para defender os intereses das galegas.

Ana Pontón. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón. (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu que, se é presidenta da Xunta, impulsará a intervención de Alcoa, participada polo Goberno galego e o Executivo estatal, para "garantir o emprego e a actividade económica".

"Onte [esta sexta feira] o Goberno central e a Xunta pedían seriedade a Alcoa, pero quen ten que ter seriedade é o PP e o PSOE con Lugo. Levamos demasiado tempo perdido. Cada día que pasa é un día que gaña Alcoa e que perden os traballadores", lamentou.

En declaracións aos medios este sábado na capital lucense, Pontón lembrou que o BNG dixo "desde o primeiro momento" que a folla de ruta de Alcoa era "fechar a factoría". Por iso, reiterou, a solución é "evidente": "Unha intervención pública".

Salvagardar o emprego

Así, comprometeuse a levar a cabo esta intervención nunha factoría que, engadiu, Galiza non se pode permitir "o luxo de perder", xa que sería "un golpe moi forte non só para A Mariña, senón tamén para toda Galiza".

Nesta liña, a líder nacionalista afirmou que o actual marco legal permite apostar por unha intervención pública, para "poder salvagardar o emprego e a actividade de Alcoa". "Como presidenta impulsarei esa intervención pública, para que a xente da Mariña deixe de vivir co corazón nun puño", avanzou.

Tal e como explicou, esta fórmula "xa se ensaiou noutras partes do mundo". "Italia salvou algunha empresa e España acaba de tomar unha decisión, a intervención de Telefónica; pois Alcoa é estratéxica para a provincia de Lugo e é fundamental que deixemos de marear a perdiz como fan a Xunta e o Goberno central e que se poñan por diante os intereses dos traballadores e de Galiza, que non coinciden cos da multinacional", resolveu.

Mobilización masiva

Por outra parte, Pontón volveu sinalar como "fundamental" que haxa unha mobilización "masiva" o próximo 18 de febreiro para lograr o cambio de Goberno na Galicia.

"Son máis que unhas eleccións ao uso, son as máis abertas dos últimos 15 anos. Estamos a xogarnos a Galiza das próximas décadas. É fundamental que o 18 de febreiro haxa unha mobilización masiva de todas as persoas que cren que este país necesita un cambio", reivindicou. Un cambio que, asegurou, debe ser liderado polo BNG para "poder reverter as tendencias negativas destes últimos anos".

Sobre Lugo, a candidata do BNG manifestou que é "evidente" que o PP "non soubo desenvolver Lugo nin darlle un futuro mellor á xente de aquí".

Unha presidenta após seis homes 

Neste contexto, celebrou a "onda de ilusión" que hai arredor ao BNG, posto que, na súa opinión, "moitas persoas que nunca colleron a papeleta do Bloque vano facer e vano facer coa ilusión de que hai un proxecto para mellorar as súas vidas".

Ademais, lembrou que Galiza tivo "seis presidentes homes, todos de forzas estatais", polo que agora é "o momento" de ter unha presidenta "coas mans libres para defender os intereses das galegas e para defendelos ante multinacionais que o único que buscan son beneficios e despois non lles importa que pasa coa xente".

Comentarios