POLÍTICA

Ana Pontón salienta que na Galiza post COVID-19 é "imprescindíbel" un "cambio galego"

O BNG encara as eleccións do vindeiro 12 de xullo cunha folla de ruta para a reconstrución económica e social baseada en tres eixos: a saúde, o traballo e o benestar social das galegas. 

 

Ana Pontón esta segunda feira (BNG).
photo_camera Ana Pontón esta segunda feira (BNG).

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, insistiu en que votar o 12 de xullo "en pleno estado de alarma" e nun proceso "imprevisíbel" de desconfinamento é "unha temeridade". Mais, unha vez anunciada a convocatoria electoral por parte do presidente da Xunta, asegurou que a súa formación "vai traballar desde o minuto cero para conseguir que a cita coas urnas traia o cambio galego que o país precisa para a reconstrución económica e social".

"É unha temeridade e oxalá non haxa que lamentar esta decisión, de todo corazón o digo, pero a proba de que Feixoo está xogando con lume é que o propio decreto de convocatoria pode prever unha nova cancelación dando por feito a posibilidade dun reponte da pandemia que podería ter consecuencias moi graves porque o nivel de inmunidade da poboación galega fronte ao virus é mínimo, como sinalan os estudos epidemiolóxicos", explicou Pontón.

Ana Pontón salientou que "se antes era necesario, despois da COVID-19 é imprescindíbel un cambio galego que permita poñer en marcha todo o potencial e toda a capacidade da Galiza, que aposte por unir este país en base a un grande acordo para a reconstrución económica e social".

A alternativa do BNG, segundo adiantou, vai ter entre os seus grandes eixos "a saúde, o emprego digno e o benestar social". "Imos concentrar todos os nosos esforzos en explicar as propostas do Bloque para fortalecer os servizos públicos, en particular a sanidade, para a reactivación da economía en aras de recuperar os miles de empregos que están en risco, e imos explicar o noso modelo en materia de benestar social e os coidados sociais con especial atención á defensa do dereito a unha vellez digna", argumentou.

As nacionalistas van estar centradas nas inquedanzas da maioría social: "O que hoxe preocupa ás galegas é como van pagar as facturas, como van chegar a fin de mes, como van facer para conciliar a vida laboral e familiar", manifestou Pontón, para sinalar que a xente nova está "desesperanzada", os sectores produtivos "en crise", o comercio local, a hostalería e o turismo "preguntándose polo seu futuro" e hai "un colectivo de 210.000 traballadoras por conta propia que non saben que vai pasar ao día seguinte". 

Debates electorais

En relación á campaña electoral, que segundo o presidente da Xunta terá unha duración de 15 días que cada partido empregará "como considere", a líder nacionalista indicou que hai que ter en conta o contexto, mais iso non debe impedir trasladar á cidadanía as propostas, as alternativas e o modelo de país que cada forza política ofrece.

"Espero que Feixoo non pretenda amordazar ao resto das forzas políticas despois de ter utilizado dunha maneira tan descarada aos medios públicos de comunicación, en particular á TVG", salientou Ana Pontón.

Tomando como referencia o estado de alarma, detallou Pontón, desde o 14 de marzo ao 13 de maio, Feixoo "acaparou 1.463 minutos de emisión en directo na TVG". "O BNG non conseguiría esa cota de pantalla nin saíndo todos os días durante os catro anos de lexislatura", destacan na formación nacionalista.

Neste sentido, Pontón reclamou que os medios públicos "xoguen un papel diferente" nestes comicios e propuxo que se realicen "cando menos dous debates na TVG, en horario de máxima audiencia, entre os candidatos e candidatas á Presidencia da Xunta".

"No BNG estamos dispostas a ir a cantos debates se nos convoque porque é un dereito que teñen as galegas para coñecer cales son as propostas das persoas que aspiramos a presidir Galiza", aseverou. 

Comentarios