Parlamento

Pontón critica a Feixoo por querer converter a CRTVG no seu gabinete de propaganda

A situación pola que atravesa a CRTVG e que os Venres Negros están a denunciar as traballadoras e traballadores no referido á censura e manipulación estalou hoxe no Parlamento na pregunta oral formulada por Ana Pontón ao presidente da Xunta. A nacionalista acusouno de converter os medios públicos no seu gabinete de propaganda.

Debate do estado da nación. Parlamento de Galiza.
photo_camera Pleno do Parlamento de Galiza.

A denuncia dos Venres Negros contra a censura e manipulación na CRTVG estalou no Parlamento nunha sesión bronca en que Ana Pontón reivindicou medios públicos, de calidade e democráticos. Na súa intervención reivindicou que os 100 millóns de euros dos impostos das galegas e galegos destinados á CRTVG deben ser “para unha televisión e unha radio de todas, e non para ser o seu gabinete de prensa e propaganda”, espetou ao presidente da Xunta de Galiza.

Así mesmo, a dirixente do BNG criticou a Alberto Núñez Feixoo por manter un presidente da CRTVG proclamado “a dedo” cando a lexislación vixente marca que debe ser o Parlamento quen o debe nomear. A nacionalista lembroulle tamén que as traballadoras e traballadores do medio público levan máis dun ano denunciando a manipulación e a precariedade na CRTVG cos Venres Negros. Puxo de relevo a este respecto os expedientes a profesionais do medio por denunciaren a manipulación, a censura a artistas por vestiren roupa con lemas en apoio dos Venres Negros.

Ana Pontón recriminou a Alberto Núñez Feixoo por manter un presidente da CRTVG proclamado “a dedo”

Ademais, a portavoz nacional do BNG, criticou o papel ao que se relegou o ente público na campaña electoral, acusando a Feixoo de ter boicoteado a realización de debates electorais, cualificando o que se organizou de “simulacro” polo seu horario ás 10 da mañá, sendo esta unha franxa destinada a contar con escasas audiencias.

O BNG reclama regular os debates electorais e un concurso público para elixir a dirección da CRTVG

Como accións para garantir a calidade democrática do medio, Pontón trasladou tres medidas a Feixoo para unha urxente implantación, a comezar por regular os debates electorais para que a poboación poida ver as persoas que as representan en horarios de máxima audiencia.

Pontón propuxo que a dirección da CRTVG sexa electa por medio dun concurso que prime a profesionalidade e independencia

Esixiu tamén impulsar un concurso público para que a dirección da CRTVG non sexa electa polos partidos políticos, senón por medio dun concurso que prime a profesionalidade e independencia, para rematar así cos “nomeamentos a dedo”.

Por último, emprazou o presidente da Xunta a crear consellos de redacción e un estatuto profesional, cuxa existencia xa a marca a lexislación aprobada en 2011. A este respecto acusou a Feixoo de vetalos porque “acabaría así o seu mando sobre os medios públicos”.

Feixoo asegurou que a compañía está saneada

Pola súa banda, Alberto Núñez Feixoo defendeu que a TVG está a investir 15 millóns de euros na dixitalización e que é a única canle autonómica que emite en HD, sendo ademais a de maior audiencia logo de TV3. Asegurou tamén que a nivel económico “a compañía está saneada”.

Villares pregunta a Feixoo se ten medo ás prácticas dos seus directores xerais

O portavoz de En Marea, Luís Villares, acusou a Feixoo de vetar a comparecencia no Parlamento do director xeral de Minas, Ángel Bernardo Tahoces, a quen a Fiscalía está investigando por presunto delito de prevaricación.

Luís Villares acusou a Feixoo de vetar a compadecencia no Parlamento do director xeral de Minas

Neste sentido preguntou a Feixoo se ten medo ás prácticas do seus directores xerais ao impedir que acudan á cámara a daren explicacións. O voceiro de En Marea puxo tamén enriba da mesa a situación da Valedora do Pobo que, “cunha condena en firme por desviación de poder” mantense no mando, e denunciou que a escusa dada polo PP para non deixar baleiro o cargo non se sostén, xa que segundo argumentou Villares, “a lexislación contempla mecanismos de substitución nestes casos”.

Feixoo escudouse en que a concesión da mina pola que se investiga a Tahoces foi ditada hai máis de cen anos e ampliada en reiteradas ocasións baixo distintos gobernos. Acusou ademais a Villares de ter ditado sentenzas contra a Xunta cando exercía coma maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza durante varias semana nas que xa sabía que ía ser candidato de En Marea á presidencia da Xunta.

O voceiro de En Marea puxo tamén enriba da mesa a situación da Valedora do Pobo

Villares pediu a palabra “por afirmacións insidiosas que afectan a súa honorabilidade”, mais o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, denegoulla por non considerar que fose ofendido.

O PSdeG reivindica retomar as políticas de vivenda pública para atender as necesidades da poboación

Na súa intervención plenaria, Xoaquín Fernández Leiceaga deu lectura ao artigo 27 do Estatuto de Autonomía polo que competen exclusivamente a Galiza as competencias en materia de vivenda, e a ese respecto emprazou a Feixoo a facer cumprir coa Constitución Española que marca “o dereito a gozar dunha vivenda digna”.

Leiceaga denunciou que nos últimos catro anos deixáronse 100 millóns de euros sen executar en vivenda

Leiceaga comparou as cifras de gasto en vivenda pública de 2009, que cifrou en máis de 200 millóns de euros fronte á actualidade, onde asegurou que se gasta menos dun terzo.

Ademais, denunciou que nos últimos catro anos deixáronse 100 millóns de euros sen executar en vivenda, o que se correspondería con 10.000 vivendas públicas menos para Galiza. Lembrou tamén a Feixoo a resolución aprobada por PSdeG e PP no debate sobre estado da nación, en que se declaraba o compromiso de pór no mercado 6.000 vivendas por ano en cinco anos, e segundo as contas que levou á sesión, a Xunta debería multiplicar por 43 o gasto efectuado en vivenda no 2018 para poder cumprir.

Denunciou tamén os retrasos nos programas de alugueiro que afectan a mocidade e persoas con necesidades. “Hai que cambiar as políticas de vivenda e centrarse na promoción de vivenda pública, porque iso permite que os prezos se controlen e que a xente poida ter vivenda digna e a mocidade emanciparse”, afirmou Leiceaga.

Comentarios