Ana Pontón oponse a pór as urnas en plena pandemia

O BNG sinala que o feito de que se contemple unha posíbel nova suspensión das eleccións desvela o "erro" de colocar os comicios en xullo, tal e como quere o presidente da Xunta. 

A Portavoz do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa.
photo_camera A Portavoz do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa.

"Non existen garantías sanitarias nin democráticas" para convocar as galegas e galegos ás urnas "en pleno estado de alarma", considerou esta sexta feira, 15 de maio, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que voltou a cualificar de "temeridade” pór as urnas en xullo, tal e como pretende o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo.  

Sobre a posibilidade de que os comicios caian o domingo 12 ou 19 de xullo, Pontón sinalou que “as présas de Feixoo” amosan a súa  “irresponsabilidade e imprudencia”, é emprazouno a "pensalo ben pola saúde de todas e non só para obter réditos electorais”.Para a líder nacionalista, a reunión dos partidos convocada na quinta feira, 14 de maio, por Feixoo para procurar unha data para as eleccións "foi un puro formalismo”, pois criticou que Feixóo “xa ten tomada a decisión” de votar en xullo. 

Pontón sinalou como ilustrativo do "erro de convocar agora os comicios" que a propia convocatoria "contemple a posterior desconvocatoria se as circunstancias o xustifican". A líder do BNG sinalou que este feito crea incertezas maiores e pon sobre a mesa "a falta dun criterio claro e rotundo que avale a seguridade sanitaria e democrática para ir ás eleccións”.

“Non coñecemos as condicións epidemiolóxicas e resulta impredicíbel saber que tipo de campaña se pode facer", sinalou Pontón, que criticou a "falta de garantías democráticas para a participación no proceso electoral" en xullo. 

O emprego en Alcoa

Ana Pontón, xunto co deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego; e o portavoz na Coruña, Francisco Jorquera; mantivo un encontro con representantes do comité de empresa da antiga factoría de Alcoa na que analizaron a situación da fábrica que o propio persoal  define como “dramática". O encontro produciuse após a nova compra-venda, apenas oito meses despois da venda tutelada polo Ministerio de Industria e apoiada pola Xunta, na que a antiga Alcoa pasou a mans do fondo suízo Parter Capital, como "solución" para dar continuidade á fábrica situada na Coruña. Porén, tal e como criticou o persoal e recordou Pontón, "nese tempo non se desenvolveu o plan industrial previsto e simplemente se entrou nun proceso especulativo para volver revender a factor".

As nacionalistas exixiron investigar a venda e ter garantías de que nin Xunta nin Ministerio vaian avalar ningunha operación que non garanta o emprego e a actividade industrial. 
 

Comentarios