Ana Pontón asegura que o BNG "está preparado para liderar o mellor Goberno da historia da Galiza"

Tras a reunión da executiva da formación, Pontón deu conta das liñas de traballo do BNG para un curso político que, dixo, será decisivo porque “empeza a conta atrás para o cambio galego”, un cambio polo que o Bloque vai traballar desde a súa posición de liderado político, e cunha firme aposta polo diálogo para facer o mellor proxecto de futuro para todos os galegos e galegas.  “A única nosa lealdade é Galiza”, insistiu.
Ana Pontón durante a executiva do BNG esta segunda feira (Foto: Arxina).
photo_camera Ana Pontón durante a executiva do BNG esta segunda feira (Foto: Arxina).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou esta segunda feira que o BNG afronta o inicio do curso político “preparado para liderar a posta en marcha do mellor Goberno da historia da Galiza”.

“Non chega con sacar o PP da Xunta [da Galiza], nin con facer que por primeira vez Galiza teña unha presidenta, queremos construír o mellor Goberno da historia dos galegos e as galegas, facer realidade un Goberno que conte con todo o mundo e con todo o noso talento para pór en marcha un ambicioso proxecto de modernización e avance do país”, asegurou.

Tras a reunión da executiva da formación, Pontón deu conta das liñas de traballo do BNG para un curso político que, dixo, será decisivo porque “empeza a conta atrás para o cambio galego”, un cambio polo que o Bloque vai traballar desde a súa posición de liderado político, e cunha firme aposta polo diálogo para facer o mellor proxecto de futuro para todos os galegos e galegas.  “A única nosa lealdade é Galiza”, insistiu.

Avanzou así un traballo intenso nos vindeiros meses para conformar unha “verdadeira axenda do cambio” e afrontar os grandes retos do país, entre os que destacou a innovación e transformación industrial, a crise climática, un modelo enerxético xusto, a axenda territorial urbana e de desenvolvemento rural, o compromiso feminista e coa diversidade, o benestar social, a modernización da Administración, un modelo fiscal máis xusto e progresivo, o avance nos dereitos democráticos e sociais ou a estratexia de Galiza no mundo.

Unha Galiza "máis viva"

O Bloque vai contar con centos de persoas expertas para a elaboración da súa alternativa de Goberno, “xente do BNG e de fóra do BNG coa que traballaremos co único criterio de servizo á Galiza”, explicou Pontón. “Hoxe o Bloque é a alternativa real ao PP e estamos en disposición de liderar un cambio histórico que deixe atrás a resignación e a submisión, a desfeita na sanidade, a perda de peso económico, a crise industrial, a emigración da xente nova ou o desleixo coa nosa cultura, a nosa lingua e o noso patrimonio”, engadiu.

 “Un cambio de ciclo que permita despregar o enorme potencial que ten o noso País, para deixar atrás a Galiza en pequeno do PP e poñer en pé un gran soño colectivo, a idea dunha Galiza viva máis forte, máis xusta, con benestar e futuro”, indicou.

"Feixoo, nunha operación de supervivencia"

A líder do BNG referiuse tamén ás negociacións para conformar o vindeiro Goberno do Estado, aludindo á “escenificación desesperada do PP, que non acaba de asumir a realidade democrática dos resultados electorais”.

Estamos, manifestou, ante un “proceso de investidura falida que semella unha operación de supervivencia política dun Feijóo que está na picota e cuestionado polos mesmos que o puxeron ao fronte do PP”.

“A Feixoo non lle queda nin o verniz de moderado. Nin é moderado nin é bo xestor”, afirmou, apuntando ás políticas que ensaiou en Galiza e que agora aplica “de ganchete coa extrema dereita”. “Aquí vimos como era un adaíl dos recortes na sanidade pública, nas privatizacións, como reducía axudas na loita contra a violencia machista  ou como atacaba a lingua e a cultura do país”, subliñou.

Louzán

Pontón aproveitou as preguntas dos xornalistas para anunciar a rotunda condena do BNG as declaracións feitas polo presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán.  “As súas declaracións son inaceptábeis, non pode seguir nin un minuto máis no seu cargo, porque se o machismo é repugnante tamén é repugnante quen o branquea”, aseverou, anunciando que o BNG exixirá no Parlamento a súa renuncia como representante do fútbol galego.

Comentarios