sábado 08/08/20

Ana Pontón afirma que “a alternativa ao PP naceu onte” e comprométese a traballar para "estar á altura"

Apela a un pacto pola reconstrución na Galiza e chama ao Estado para tomar nota do fortalecemento de forzas que "cuestionan o centralismo"

Goretti Sanmartín, Ana Pontón e Noa Presas na Executiva do BNG, que se reuniu esta segunda feira para valorar osresultados do 12X (Arxina)
Goretti Sanmartín, Ana Pontón e Noa Presas na Executiva do BNG, que se reuniu esta segunda feira para valorar osresultados do 12X (Arxina)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, comprometeuse a traballar para "estar á altura" tras os resultado electorais do domingo que levaron á formación nacionalista a ser segunda forza --por diante do PSdeG--, de forma que en 2024 poida cumprirse "o soño" de ter, "por primeira vez, a unha muller na Presidencia" da Xunta.

En rolda de prensa esta segunda feira, Pontón dixo que ten unha sensación "agridoce" ao non conseguirse un "cambio político" en Galiza, pero asegura que traballará para que as e os votantes se sintan "tremendamente orgullosos" e que nas próximas galegas poida "escribirse unha nova páxina na historia de Galiza".

Así, valora que se abre unha "etapa de esperanza". "Fortalecer unha alternativa de futuro que nos permita que no ano 2024 consigamos o soño que non tivemos tan lonxe nestas eleccións", afirma.

Asegura que aínda está "a asimilar" que o Bloque obtivese os seus mellores resultados nunhas eleccións, con 19 deputados --que supera a marca histórica de Xosé Manuel Beiras de 18 escanos en 1997--, mais acepta con "moita humildade" un "apoio moi  motivador" e crear unha "expectativa moi ampla".

"Onte non acabou nada, senón que empeza todo, empeza un traballo que nos ten que levar a que en 2024 teñamos unha alternativa fortalecida, que nos permita abrir unha  nova etapa política para este país", sostén Pontón, quen defende que hai "un proxecto consolidado" cunha "alternativa clara de goberno".

Ampliar a base social

Pontón comezou a súa intervención dando "as grazas" aos que elixiron a papeleta do Bloque, así como ao "inmenso" e "titánico" traballo da militancia, que supón o "sostén desta organización".

Remarca que "hai unha enorme ilusión" en relación á candidatura nacionalista, pois conseguiu o apoio de "moitísima xente nova que votaba por primeira vez", así como de "moitísimas mulleres que soñaban cun soño colectivo de ver por primeira vez a unha muller á fronte da Presidencia".

"Hai moitas persoas que saben que estamos moi perto de que no 2024 poida producirse un cambio galego liderado por unha muller", opina.

Por iso, avanza que se seguirá "ampliando" a base social do BNG  "cun caudal político" marcado pola “ilusión e o  inconformismo".

Preguntada polo afundimento do espazo das mareas e a recollida de gran parte dese voto polo BNG, Pontón reflexionou que "os votos non son dos partidos, son das persoas", mentres mostra o seu "respecto" por Galicia en común e as e os seus votantes.

Con todo, achaca a subida do Bloque ao "mérito do conxunto da organización que soubo renovarse, que soubo ver o que estaba a pasar na sociedade".

Dixo, "con toda modestia", que foron "acertando" nun proceso de "incorporación de voces", unido ao "bo facer" do Bloque nas institucións nas que goberna. "Algo de mérito teriamos no BNG”, indica.

Acordo de país

Xunto a isto, avogou por "mirar cara ao futuro" no marco dunha "situación excepcional" e "tremendamente complexa" cunha "crise sanitaria e social". Ante esta situación, tende a man para selar un "gran acordo de país", que lembra que foi unha aposta de campaña.

Considera que o Bloque ten a responsabilidade de liderar unha parte da reconstrución do país e de "ofrecer unha alternativa fronte á crise". Por tal motivo, indica que "é o momento de facer política de altura" e "levantar o país desta crise".

"Onte non acabou nada, senón que empeza todo, empeza un traballo que nos ten que levar a que en 2024 teñamos unha alternativa fortalecida, que nos permita abrir unha  nova etapa política para este país"

E é que pide que "o próximo goberno debe estar á altura da circunstancias", de maneira que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, "equivócase sen dialogar nin escoitar" propostas da oposición. Sobre este extremo, demanda que o PP non aborde a lexislatura de maneira " absolutista" ante "os tempos excepcionais" que se viven.

Que o Estado tome nota

Preguntada sobre a suba de partidos soberanistas nas eleccións vascas e galegas, Pontón avisou de que o Estado debe tomar nota do "fortalecemento de posicións que cuestionan o centralismo", con "forzas políticas propias" que esixen "maior respecto" e "dignidade".

A líder nacionalista avisa de que "faría ben o Goberno español en escoitar" estes resultados, mentres deixa claro que o Executivo de Pedro Sánchez "ten que cumprir" co acordo co Bloque, que "foi con Galiza".

comentarios