O afundimento do ‘rupturismo’ na Galiza urbana: do 20% en 2016 a só chegar a 5% na Coruña, Vigo e Ferrol

A coalición de esquerdas naufraga no eixo atlántico e é residual na Galiza interior e as comarcas máis poboadas

Presentación da candidatura de Galicia en Común-Anova Mareas en Compostela (Nós Diario).
photo_camera Presentación da candidatura de Galicia en Común-Anova Mareas en Compostela (Nós Diario).

A desaparición do espazo político ' rupturista' do Parlamento galego tras as eleccións do pasado domingo explícase, en gran parte, pola perda de apoios na Galiza urbana, onde se asentou boa parte do proxecto que, baixo o paraugas do partido instrumental En Marea, logrou ser segunda forza hai catro anos movéndose en torno a 20% dos votos tanto nas sete grandes cidades galegas como nas catro circunscricións.

Nas eleccións do pasado domingo 12 de xullo, Galicia En Común- Anova Mareas só pasou do 5% dos sufraxios en Ferrol (7,76%), Vigo (6,08%) e A Coruña (6,73%). No resto das grandes urbes, a ferramenta electoral do espazo político  rupturista non alcanzou o limiar que marca a posibilidade de obter escano --5%--, incluída a cidade de Santiago (4,92%), que gobernou a Compostela  Aberta de Martiño Noriega (número tres da lista pola Coruña) ata hai un ano.

A caída é máis pronunciada nas cidades fora do eixo atlántico, sobre o que  pivotou a campaña de Galicia En Común, pilotada por Ramón Luque, enviado desde Madrid pola dirección de Podemos para acompañar o seu candidato á presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino.

Desta forma, en Lugo quedaron co 3% con 1.334 votos (en 2016, En Marea tivo 20,69% con 10.159 votos) e en Ourense, o 2,86% con 1.377 sufraxios (fai catro anos, En Marea chegou aos 10.072, o 18,21% do total).

Así as cousas, o espazo político que en 2012 modificou o mapa político galego coa irrupción de Alternativa  Galega de  Esquerdas (AGE) na Cámara, que chegou a ser segunda forza nunhas eleccións estatais (a coalición En Marea en decembro de 2015), gobernou tres (Santiago, A Coruña e Ferrol) das sete cidades galegas e que liderou a oposición no Pazo do Hórreo tras as galegas de 2016, desaparece do Parlamento de Galiza.

Nas últimas galegas, as de 2016, a candidatura encabezada polo maxistrado Luís Villares e na que estaban as forzas que integraron Galicia En Común- Anova Mareas alcanzou os 271.418 votos, 19,07% do total. O domingo, a lista de Gómez-Reino obtivo 220.000 sufraxios menos e, con 51.223 papeletas en toda Galiza, quedou a medio punto de chegar á barreira do 5 por cento nas circunscricións atlánticas, Pontevedra e A Coruña.

Máis lonxe de obter representación estiveron en Lugo (3.678 votos) e Ourense (3.332), onde caeron a 2,26 e o 2,15%, respectivamente. Hai catro anos, En Marea logrou dous deputados por cada circunscrición co 15,37% dos sufraxios por Lugo (28.125 votos) e o 13,79% por Ourense (24.005 votos).

A caída tamén é pronunciada se se toman como referencia os resultados das últimas xerais de novembro de 2019, nas que Galicia En Común estaba integrada exclusivamente por Podemos e  Esquerda Unida.  Anova e as mareas de Santiago e A Coruña, que nestas autonómicas viaxaban na coalición, non se presentaron aos devanditos comicios.

Os resultados son peores se se sae da denominada 'Galiza urbana'. Na comarca de Terra de Lemos, con capital en Monforte e que ten uns 30.000 habitantes, Galicia En Común só obtivo 337 sufraxios, case 100 papeletas menos que  Vox.

Na comarca de Bergantiños tamén quedan na marxe do 2,25% con 730 votos nunha área de varios concellos con capital en Carballo que ten máis de 67.000 habitantes, mentres que na comarca do Carballiño (con máis de 26.000 habitantes) só chegaron ao 1,74%, por detrás da coalición Recortes Cero- Espazo Común.

A desfeita tamén se produce en Cangas  do Morrazo, un dos municipios galegos onde, desde o seu xurdimento, o espazo  rupturista lograra mellores resultados, chegando a quedar a menos de 30 votos de ser a forza máis votada nas galegas de 2016 co 35,5% dos sufraxios totais.

O domingo, Galicia En Común caeu ao cuarto lugar por detrás de PP, BNG e PSdeG, ao recibir pouco máis de 1.000 votos, 8,38% do total nun dos concellso nos que o espazo político mantén o poder, con Xosé Manuel Pazos de Alternativa Canguesa de  Esquerdas (ACE) co bastón de mando desde 2015.

Comentarios