18-F

Alfonso Rueda presenta a “súa traxectoria” como aval para que “a Galiza funcione”

O presidente do PP criticou un “multipartito na oposición” no discurso co que principiou a campaña electoral

O Partido Popular elixiu Compostela para facer a tradicional 'colada inicial' da campaña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O Partido Popular elixiu Compostela para facer a tradicional 'colada inicial' da campaña. (Foto: Nós Diario)

O presidente e candidato do PP a presidir a Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, deu inicio á campaña electoral en Compostela pedindo aos galegos e ás galegas o seu “ben máis prezado”: a súa confianza, e ofrecéndolles a cambio a “súa traxectoria e credibilidade” para seguir sendo presidente dunha “Galiza orgullosa, unida, próspera e que funcione cada vez mellor”.

A elección da praza de Obradoiro para a celebración deste arranque de campaña non foi casual, afirman os populares, xa que se trata “non só dun dos símbolos da civilización occidental e a praza maior da Galiza, senón que é tamén o lugar que cada vez máis persoas desexan coñecer e o punto no que conflúen todos os caminos”. O lugar elixido por Alfonso Rueda para comezar o que el mesmo definiu como “o camiño máis importante da miña vida”.

Apuntou que o gran desafío destes días será pedirlles aos galegos e ás galegas “o seu ben máis prezado: a súa confianza”. E o líder dos populares galegos farao presentándose ante eles co “máis valioso que el ten: a súa traxectoria e a súa credibilidade”.

Afirmou neste sentido que nel si se pode confiar, a diferenza “daqueles que non teñen palabra, que cren que todo se pode negociar, que non hai máis límites que os da propia convivencia e que se disfrazan para ocultar o que realmente son”.

Referiuse así a un multipartito na oposición ao que “lle molesta Galiza” e máis concretamente esa Galiza que “é como é e non como a eles lles gustaría”, que “non cala ante as inxustizas, que non se deixa discriminar, que se sente tan galega como española, que é unha terra aberta e que pensa como pensa en liberdade”.

Fronte a isto, Alfonso Rueda reivindicou que a Galiza ¡non é máis que os demais pero tampouco ten nada que envexar do resto”: “Gústame Galiza tal e como é e por iso quero seguir sendo o presidente de todos os galegos e galegas”.

Comentarios