A taxa turística, máis perto? O Concello de Santiago remítelle á Xunta unha proposta para implantala

"Todo o recadado permitiría afrontar parte dos sobrecustos de recibir un número de visitantes que ano a ano bate marcas", salienta a alcaldesa, Goretti Sanmartín.
Turistas nunha rúa céntrica da zona vella de Santiago. (Foto: Arxina)
photo_camera Turistas nunha rúa céntrica da zona vella de Santiago. (Foto: Arxina)

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, vén de remitir ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, unha proposta para a implantación dunha taxa turística na cidade, así como un "exhaustivo" informe da súa aplicación práctica e unha suxestión de proxecto de lei do imposto sobre estancias turísticas en estabelecementos da Galiza. A pasada cuarta feira, Rueda queixouse de que en San Caetano seguían "sen recibir" a documentación do Concello relativa á instauración deste novo tributo. E, de feito, esta quinta, preguntado en rolda de prensa, rexeitou facer valoracións polo de agora porque o recibiu onte á tarde e non tivo "tempo", dixo, de estudalo. "Tentarei tardar menos en responder do que o Concello en remitilo", dixo.

O Concello de Santiago saíu ao paso e lembrou hoxe ao presidente galego, por medio dunha carta que acompaña a documentación, a necesidade de fixar un encontro institucional para analizar conxuntamente esta medida e axilizar os trámites de cara a estabelecer unha regulamentación. Sanmartín destacou que este "é un asunto de vital importancia para o Concello".

"Todo o recadado permitiría afrontar parte dos sobrecustos de recibir un número de visitantes que ano a ano bate marcas, entre os que está o necesario reforzo de limpeza e seguridade cidadá, a conservación e rehabilitación do patrimonio, as accións de desestacionalización e promoción turística fose de tempos e espazos con maior presenza cuantitativa de turistas ou as campañas de senabilización por un turismo consciente e responsábel", defendeu a rexedora.

O citado documento detalla os supostos nos que sería aplicábel o imposto á estancia das persoas turistas, o tipo de gravame e cota tributaria segundo a tipoloxía e categoría dos estabelecementos hostaleiros, cámpings ou áreas de caravanas.

Tamén inclúe un informe realizado polo catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Santiago César García Novoa para o Concello, que se basea no xa elaborado por este investigador para o anterior Goberno local, liderado por Xosé Sánchez Bugallo, e agora actualizado —o texto— a data de 1 de agosto de 2023.

Goretti Sanmartín reclamou, aliás, unha reunión con Rueda para abordar outros temas "urxentes" da cidade, entre os que enumerou as necesidades de aparcamento no recinto do Hospital Clínico, o saneameinto do rural, o novo edificio da Escola Oficial de Idiomas, a ampliación do conservatorio, o impulso do conservatorio de danza ou a problemática da vivenda.

A lista de temas a tratar prosegue co incremento do estatuto de capitalidade, o aumento da achega para o Consorcio, o novo centro de saúde de Conxo, a axuda ao servizo de comedores e ao de asistencia no fogar, a senda até O Milladoiro (Ames) e o parque comarcal bombeiros.

Comentarios