Vivenda

Santiago aposta por crear vivenda en aluguer para o estudantado da cidade

A iniciativa, do grupo socialista, foi aprobada cos votos a favor dos grupos do BNG, do PSdeG e de Compostela Aberta.
Edificios residenciais na rúa do Hórreo de Santiago. (Foto: Arxina)
photo_camera Edificios residenciais na rúa do Hórreo de Santiago. (Foto: Arxina)

O pleno compostelán aprobou esta quinta feira unha moción a favor do impulso dun convenio coa Xunta da Galiza e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) para desenvolver apartamentos de aluguer para estudantes.

A iniciativa foi aprobada cos votos a favor dos grupos do BNG, do PSdeG e de Compostela Aberta a raíz dun texto defendido pola concelleira socialista Mercedes Rosón, que avisou de que o mercado de aluguer está "saturado" a pesar do "impacto positivo" que tivo a regulación de vivendas de uso turístico.

Así as cousas, Rosón defendeu "a creación de apartamentos de aluguer para estudantes" en colaboración coa USC e a Xunta, para pór no mercado 200 vivendas en tres parcelas situadas en Xoán XXIII, a avenida de Castelao e nas proximidades do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

A iniciativa plenaria contou cunha emenda do PP, defendida polo concelleiro José Ramón da Fonte, que a socialista declinou aceptar. Ante iso, os populares, que criticaron que no pasado mandato "nada se fixese" para liquidar o problema, optaron pola abstención.

Rosón si aceptou outra emenda defendida polo edil do BNG e concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, que avogou por non vincular o acordo a parcelas concretas para evitar dificultades e apuntou que a prioridade é a recuperación do parque residencial xa construído.

Tamén saíu adiante, cos votos a favor do PP e a abstención do resto de grupos, outra moción defendida polo popular Borja Verea para a elaboración dun regulamento de usos nos espazos emblemáticos. "Propomos medidas concretas como activar a gravación das cámaras de seguridade da cidade", apuntou.

Comentarios