Orzamentos

A Xunta manterá en 2024 a rebaixa en patrimonio que beneficia as grandes fortunas

BNG e PSdeG critican a política fiscal do Executivo galego, que consideran que favorece "a quen máis ten".
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos. (Foto: Europa Press)
photo_camera O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos. (Foto: Europa Press)

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, avanzou esta cuarta feira que os orzamentos da Xunta da Galiza para 20024 "consolidarán" as rebaixas fiscais que están "en vigor" na actualidade, como a diminución a 50% do imposto de patrimonio para as rendas máis altas. Unha medida que beneficiou 7.700 ricos na Galiza, aos que aforrou ao redor de 40 millóns de euros. 

A política fiscal do Goberno galego centrou as dúas interpelacións que levaron ao pleno do Parlamento desta cuarta feira as deputadas Noa Presas (BNG) e Begoña Rodríguez Rumbo (PSdeG). Ambas as dúas foron críticas coa forma de xestionar as tributacións que dependen da Administración galega, que ven enfocadas a "favorecer" as rendas máis altas mentres "aumenta o número de galegos" con dificultades para chegar a fin de mes.

Para Presas, a política fiscal do Goberno galego é "insolidaria" e "inxusta" porque favorece "a quen máis ten". Rumbo, pola súa parte, cualificou de "márketing fiscal" a política impositiva da Xunta. Corgos defendeu as "rebaixas fiscais" da Xunta.

A deputada nacionalista, que enfocou a súa interpelación na "ausencia" de medidas por parte da Xunta para apoiar aos galegos que máis padecen o contexto inflacionista, denunciou que o Executivo autonómico é "insolidario" e "inxusto" porque favorece "a quen máis ten", ademais de ser "incapaz" de anticiparse aos problemas.

O imposto sobre o patrimonio está considerado o tributo por excelencia para gravar a riqueza. Afecta as persoas contribuíntes con bens por un valor superior a 700.000 euros, excluíndo a vivenda habitual até 300.000 euros, aínda que nalgúns territorios estas cifras mudan lixeiramente. Grava o patrimonio neto das persoas físicas, isto é, o conxunto de bens e dereitos de contido económico dos que o contribuínte é titular, con dedución das cargas e gravames que diminúan o seu valor, así como das débedas e obrigas persoais polas que deba responder.

A xestión do tributo corresponde aos gobernos autonómicos, agás nos territorios forais, tendo estes a capacidade de modificalo en maior ou menor medida para reducir a contía a pagar. Así, por exemplo, Madrid bonifícao na súa totalidade desde 2012, seguindo este ano a mesma senda Andalucía, tras adoptaren o Partido Popular e Vox un acordo nesa dirección.

Comentarios