O adianto das eleccións estatais obriga o PSdeG a pospor a setembro as súas primarias á Xunta

Nos últimos meses, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, apuntara a despois dos comicios locais para a posta en marcha deste proceso interno, pero a decisión do líder do PSOE e presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, motivará que os socialistas galegos pospoñan uns meses as primarias.
Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG. (Foto: Nós Diario)

O adianto das eleccións estatais ao próximo 23 de xullo obrigará os socialistas galegos a pospor ao mes de setembro as súas primarias para escoller o candidato á Presidencia da Xunta da Galiza.

Nos últimos meses, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, apuntara a despois dos comicios locais para a posta en marcha deste proceso interno, pero a decisión do líder do PSOE e presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, motivará que os socialistas galegos pospoñan uns meses as primarias.

E é que de decorrer sobre o mes de xullo, data á que apuntaban algúns dirixentes socialistas, o debate interno coincidiría coa campaña electoral para os comicios estatais, un aspecto que, tal e como sinalaron fontes socialistas, a dirección quere evitar.

Así, e de non haber adianto das eleccións ao Parlamento galego, unha cuestión que polo momento o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, rexeitou, o PSdeG podería organizar en setembro este proceso interno e cumprir coas premisas que Formoso prometeu para as primarias, como que fose un proceso convocado con tempo, para que calquera militante que así o desexase, puidese presentarse.

Resultados municipais

Polo momento, os socialistas prevén centrarse na análise dos resultados das eleccións do domingo e na posterior preparación das eleccións xerais, xa convocadas polo presidente Pedro Sánchez.

Deste modo, tal e como sinalaron fontes socialistas, o PSdeG prevé reunir na tarde da quinta feira á súa executiva para analizar os resultados das municipais, nun contexto no que o Partido Socialista logrou na Galiza 80 maiorías absolutas ou relativas e debe verificar, ademais, todos os municipios nos que ten opcións de gobernar e os posíbeis pactos para iso.

Ademais, outro asunto que o PSdeG terá que analizar é a situación en que queda Ourense, onde en principio a dirección galega dá autonomía ao grupo municipal local para estabelecer conversacións sobre posíbeis acordos nun contexto de aumento do poder do líder de Democracia Ourensá, Gonzálo Pérez Xácome, que dificulta posíbeis pactos entre as forzas.

Os socialistas galegos saen do 28 de maio con certo optimismo nun contexto no que, a pesar da caída xeneralizada de apoios ao Partido Socialista no conxunto do Estado, na Galiza conseguen reter poder municipal, ao manter os gobernos de dous das catro deputacións, tras a caída da de Pontevedra.

Deputación de Lugo

Outro punto que queda por resolver tras o 28 de maio é quen ocupará a presidencia da Deputación de Lugo nun contexto no que xurdiron voces que poñen en cuestión a continuidade do actual presidente en funcións e alcalde de Monforte, José Tomé, quen tamén é secretario xeral do PSOE de Lugo.

Aínda que se dá por feito que Formoso continúe á fronte do goberno da Deputación da Coruña, no caso de Lugo, fontes socialistas explicaron que hai un sector do partido no que hai "certo malestar" coa xestión feita por Tomé do partido na previa ás municipais que podería achegar á Presidencia da Deputación a unha cara nova.

Aínda que el mesmo trasladou a súa vontade de continuar no Pazo de San Marcos, un dos nomes que soa é o da alcaldesa de Trabada Mayra García, quen nas últimas municipais logrou revalidar a súa maioría absoluta e é unha persoa moi próxima ao novo delegado do Goberno español na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro.

Comentarios