Formoso asegura que a convocatoria electoral mostra a "fortaleza e valentía democrática" de Sánchez

O líder do PSdeG adiantou que as próximas eleccións estatais o PSOE vai facer "moita pedagoxía”

Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG. (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, asegurou que a convocatoria de eleccións xerais o 23 de xullo mostra a "fortaleza e valentía democrática" do presidente do Goberno do Estado español, Pedro Sánchez.

Nun comunicado remitido aos medios, Formoso cualificou de "valente e acertada" a decisión de "facilitar que a cidadanía se exprese en xullo no ámbito dunhas eleccións estatais" despois das eleccións municipais do domingo.

O xefe de filas do PSdeG considerou que a cidadanía vai ser consciente e consecuente cos avances sociais que o PSOE conseguiu nesta lexislatura, no camiño da "recuperación de dereitos no ámbito económico, coa reforma laboral ou garantindo o futuro das pensións".

"Non queremos outra vez na presidencia do Goberno de España un presidente do PP que volva instaurar copagos ou que prohiba a regularización das pensións conforme ao prezo da vida", manifestou.

Ademais, rexeitou un goberno do PP que "volva atrás en dereitos sociais tan europeos como o dereito ao aborto ou calquera outro dos avances que lidera o goberno de España no ámbito europeo".

Tamén destacou que os avances liderados polo PSOE non poden estar en risco nun momento no que Europa anuncia a volta atrás ás regras de axuste fiscal, facendo anuncios que auguran que "veñen curvas económicas".

Por último, adiantou que as próximas eleccións estatais o PSOE vai facer "moita pedagoxía e vai recuperar o rigor e a forza que lles dá ser a columna vertebral da política desde hai moitos anos".

Comentarios