BNG e PSOE selan o seu pacto para investir Sánchez: estas son as medidas que beneficiarán Galiza

Ana Pontón pon o acordo asinado co Partido Socialista como exemplo da "capacidade do BNG para defender Galiza ante o Estado".
María Jesús Montero e Ana Pontón, asinando o acordo de investidura esta segunda feira en Madrid (Foto: Nós Diario).
photo_camera María Jesús Montero e Ana Pontón, asinando o acordo de investidura esta segunda feira en Madrid. (Foto: Nós Diario)

Xa é oficial. O Bloque dará o seu voto a Pedro Sánchez na sesión de investidura —aínda sen data— na que, salvo sorpresa, o actual presidente en funcións español repetirá á fronte dun Goberno de coalición con Sumar. Esta segunda feira a líder nacionalista galega, Ana Pontón, desprazouse até Madrid para asinar o acordo de investidura da súa formación co PSOE nun acto no que tamén participaron a ministra de Facenda, a socialista María Jesús Montero; o deputado e candidato do PSdeG á Xunta da Galiza, José Ramón Besteiro, e o parlamentario e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego.

O documento, afirmou Pontón, "blinda un trato igualitario para o noso país" e mellora "as condicións de vida dos e das galegas". "Facemos o traballo que non é capaz de facer o presidente da Xunta", dixo, en alusión a Alfonso Rueda. Porén, a líder do Bloque matizou que o resto da lexislatura "o único compromiso do BNG segue a ser coa Galiza". "Só asinamos un acordo de investidura", advertiu.

22 medidas pactadas

O apoio de Néstor Rego á investidura de Pedro Sánchez parte de 22 puntos centrados en infraestruturas, autogoberno e lingua galega e unha serie de compromisos para a capital galega, entre os que se inclúe un financiamento extra para o Consorcio de Santiago. O documento fala de garantías para que Galiza manteña o mesmo status que as outras dúas nacionalidades históricas, Catalunya e Euskadi, e para iso o acordo recolle textualmente o compromiso do candidato e o Goberno —futuro— a que "calquera modificación da estrutura do Estado asegurará á Galiza o mesmo status que ás outras dúas".

Outro dos puntos máis significativos do pacto de investidura entre o BNG e o PSOE céntrase na débeda, tendo en conta que, precisamente, é un dos aspectos que causaron a maior polémica polas negociacións coas forzas independentistas catalás. O acordo recolle que "en caso de condonacións totais ou parciais da débeda adquirida por comunidades autónomas adheridas ao Fondo de Liquidez Autonómica (FLA)" estabeleceranse "medidas compensatorias análogas para Galiza, no marco das compensacións" ás comunidades que non fixeron uso do FLA, como é o caso galego.

A maiores, o documento comprométese a "avanzar no reforzo de capacidade de decisión" de autogoberno mediante a proposta dunha convocatoria de comisión mixta de transferencias Estado-Xunta antes do remate do presente ano, co fin de "programar ao longo da presente lexislatura a activación da transferencia da totalidade de competencias recollidas no Estatuto de Autonomía da Galiza", así como as competencias que foron obxecto de consenso no Parlamento da Galiza.

O BNG e o PSOE tamén inclúen no seu acordo o compromiso de ampliar o permiso de maternidade e paternidade a 20 semanas e garantir a actualización das pensións conforme ao IPC, así como incrementar as pensións mínimas e non contributivas por encima da revalorización das pensións contributivas, até alcanzar a media europea. Aliás, compromete o Goberno a "achegar o 50%" que lle corresponde á Administración do Estado para financiar a Lei de dependencia e a garantir que non se produce dobre tributación no caso das pensións do estranxeiro dos emigrantes retornados.

No marco das infraestruturas, como xa se avanzou, recolle que no orzamento do Estado de 2024 incluiranse novos descontos para as autoestradas AP-9 e amplíanse á AP-53, de forma que para os usuarios súper recorrentes increméntanse do 20 ao 50 por cento actual e camiñarase cara á gratuidade das peaxes. Tamén levará a cabo un plan plurianual 2024-2028 de actuacións urxentes na rede viaria galega; actuacións en todos os tramos de concentración de accidentes; finalizar en 2024 a autovía Santiago-Lugo; axilizar os traballos no viaduto do Castro na A-6 con prazos concretos para antes de finais de 2024; estudar actuacións de mellora na N-6; impulso da variante da Estrada; procura de solucións para terminar o segundo tramo do paseo Pontevedra-Marín; e estudo de seguridade da N-550.

Sobre a rede ferroviaria, inclúese no pacto un plan integral para a modernización da rede ferroviaria da Galiza que pasa por realizar un estudo para a implantación dun tren de proximidade (proximidades); impulso a actuacións do Corredor Atlántico; modernización da liña Guillarei-Ourense; avanzar na electrificación da liña ferroviaria A Coruña-Lugo entre Betanzos e Lugo; iniciar en 2023 os trámites para a execución do baipás de Betanzos; culminar o estudo funcional en curso entre A Coruña e Ferrol; licitar en 2024 un estudo dunha variante entre Curtis e Ordes que facilite a conexión entre Lugo e Santiago; e recuperar as frecuencias previas á pandemia, así como estudar un aumento dos servizos e o trato homoxéneo aos usuarios do FEVE na Galiza que noutras comunidades.

O acordo tamén compromete a un plan de substitución e mellora do material rodante nos servizos Vigo-O Porto e estudar a mellora das frecuencias. Manteranse as reducións nos abonos de transporte e seguirase co saneamento da ría do Burgo.

Sen saír das infraestruturas e con atención á capital galega, o acordo inclúe a denominación de Daniel Castelao para a estación intermodal, que xa ten o consenso da unanimidade do pleno da capital galega. Compromete, así mesmo, elevar a cofinanciación do Estado con Fondos Next Generation na EDAR de Santiago de Compostela do 65 ao 80 por cento, para o que se actualizará o esquema financeiro recoller no convenio a través dunha addenda. Ademais, a Administración do Estado incrementará nun 10 por cento anual (con base fixa en 2023) a súa achega ao Consorcio de Santiago no próximos tres anos —2024, 2025 e 2026—.

Entre os 22 acordos, que tamén pasan pola creación dunha comisión de seguimento do pacto que se reunirá cada catro meses (ou cada vez que unha parte solicíteo), tamén inclúe a declaración e reparación en relación co consello de guerra e condena a morte a Alexandre Bóveda, anulado pola Lei de Memoria Democrática. Tamén se recollen acordos vinculados coa lingua propia, co compromiso de financiar a adaptación do galego á nova era dixital, dotando con 15 millóns de euros, no período 2024-2027 os proxectos con implicación da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta, así como dar máis peso do galego no conxunto do Perte 'Novas Tecnoloxías da Lingua'.

Así mesmo, o Goberno "dará eficacia" ao regulado na lei do Audiovisual no referido a garantir os contidos destinados ao público menor de 12 anos, e fará unha auditoría sobre o uso das linguas oficiais nas webs da Administración Xeral do Estado para "corrixir deficiencias ou incidencias detectadas".

Comentarios