Rueda mostra a súa incapacidade como xestor ante os logros do acordo do BNG co PSOE

O presidente da Xunta compereceu esta sexta feira tras coñecerse as novidades sobre a investidura de Pedro Sánchez.
Alfonso Rueda e o seu equipo de Goberno, esta sexta feira (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera Alfonso Rueda e o seu equipo de Goberno, esta sexta feira (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

O primeiro punto do preacordo de investidura entre o BNG e o PSOE, ao que tivo acceso Nós Diario e que aínda ten puntos por fechar, comprométese a “realizar un estudo para a implantación de tren de proximidade na Galiza. Outro dos puntos indica que busca “impulsar as actuacións do corredor Atlántico.

“Aceleraranse os traballos de modernización da liña Guillarei-Ourense”, así como “a modernización e electrificación da liña ferroviaria A Coruña-Lugo entre Betanzos e Lugo”, prosegue o preacordo. A variante entre Ordes e Curtis para mellorar a conexión ferroviaria entra a capital galega e Lugo, ou a denominación da estación da Intermodal de Compostela como Daniel Castelao, son outros dos puntos.

Os acordos conseguidos polo BNG, alén de outras melloras no que a forza nacionalista denomina “axenda galega”, tamén pasan por aumentar o autogoberno, segundo indicou o deputado nacionalista Néstor Rego, nun ámbito máis global e que supoñen, así mesmo, que a Galiza estea nas mesmas condicións que as outras nacionalidades históricas, como Euskadi e Catalunya (a outra nacionalidade histórica é Andalucía) no debate estatal ante calquera cambio estrutural.

Porén, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, centrou a súa intervención desta sexta feira en censurar o "agravio" que, asegurou, supón para a Galiza o acordo entre PSOE e ERC, que "vai seguir sendo leal, mais non será en ningún caso submisa". Así o trasladou nunha declaración institucional "en defensa do equilibrio da España autonómica" pronunciada no Pazo de Raxoi, na que deixou os avances para a Galiza nun segundo plano.

Así o fixo a pesar de que o acordo entre o BNG e o PSOE inclúe a condonación do 20% da débeda galega correspondente ao Fondo de Liquidez Autonómica (FLA). Rueda comezou sinalando que ao longo das últimas semanas no contexto de negociación da investidura de Pedro Sánchez "abríronse varios debates que afectan o presente e o futuro territorial de España" e tamén "o peto dos galegos".

Por iso, avanzou que a Galiza "non vai estar calada nin vai ser convidada de pedra" ante cuestións que "afectan directamente o piar do Estado das Autonomías" e sinalou que non se pode falar de "condonar" a débeda cando "realmente é mutualizar", referíndose a un acordo entre ERC e PSOE ao respecto do que tamén gozará a Galiza froito da negociación do BNG.

“No caso de condonarse total o parcialmente a débeda adquirida polas autonomías adheridas ao Fondo de Liquidez Autonómica, estabeleceranse medidas compensatorias análogas para a Galiza, no marco das compensacións a aquelas autonomías que non fixeron uso do FLA”, estabelece o pacto entre o BNG e o PSOE.

Despois de coñecerse que o pacto entre o PSOE e ERC, Rueda afirmou que esta negociación, "de maneira bilateral", é a "modificación dos principios que guiaron á España autonómica ao longo das últimas décadas". Acompañado do Executivo galego ao completo, Rueda volveu insistir en que o texto coñecido, de cumprirse, "suporía un agravio para a Galiza", xa que, segundo apuntou, "na práctica, sería a transformación da España autonómica nun modelo de Estado asimétrico". O presidente da Xunta fixo esta afirmación obviando, ou descoñecendo, que o Estado español xa é asimétrico, pois non todas as autonomías teñen as mesmas competencias, e nalgún caso, incluso teñen diferentes modelos fiscais.

"O que se vai a facer é repartir entre todos os españois a débeda acumulada por unha soa comunidade. Vai distribuír entre todos a débeda de Catalunya. Será unha carga adicional de máis de 400 euros dunha débeda que non é nosa ", sinalou obviando as compensación análogas para a Galiza. "A Galiza vaise ver especialmente castigada por unha solución inxusta e que supón un pésimo incentivo para os xestores responsábeis, como foi a Xunta", reiterou Rueda, a pesar de que a Administración galega alcanzou o seu nivel máximo de débeda este mesmo ano.

En materia de infraestruturas, indicou que non se pode permitir que se acorde o traspaso de infraestruturas ferroviarias mentres que na Galiza "se acumulan os atrasos na entrega dos trens de alta velocidade" ou se observa "como permanece conxelada a conexión ferroviaria con Portugal", así como "segue aparcado o corredor atlántico de mercadorías". Exemplos que precisamente son centrais no acordo entre o BNG e o PSOE.

"España non pode ser unha nación asimétrica”, incidiu contravindo de novo a estrutura territorial do Estado. “Non nos van convencer de que o prezo da convivencia pasa por sacrificar a igualdade entre españois e que ningunha investidura de ningún candidato e de ningún cargo público vai valer xamais tanto como isto", manifestou. Antes de concluír a súa intervención, Rueda, en referencia velada ao BNG, cualificou de "ofensivo" que acepte o apoio ao PSOE.

Comentarios