Abel Caballero apunta a Carmela Silva e David Regades como cabezas de lista a Senado e Congreso

Abel Caballero xa avanzou que se volverá a presentar ás seguintes eleccións municipais.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero Álvarez. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera O alcalde de Vigo, Abel Caballero Álvarez. (Foto: Xan Carballa)

O alcalde en funcións de Vigo, Abel Caballero, sostivo que a presidenta da Deputación de Pontevedra en funcións, Carmela Silva, sería "unha boa candidata" ao Senado e o delegado do consorcio Zona Franca de Vigo, David Regades, ao Congreso.

Así o asegurou nunha entrevista na Cadena Ser na que foi cuestionado sobre as listas dos socialistas na circunscrición de Pontevedra para as eleccións xerais previstas para o próximo 23 de xuño.

Neste sentido, Caballero asegurou que Silva sería "unha senadora magnífica", á vez que defendeu tamén a posíbel candidatura do secretario do partido en Pontevedra, David Regades. "É un político excepcional", expresou.

Con todo, sinalou que xente doutros lugares "como Pontevedra ou Vilagarcía" tamén deberían ocupar postos de saída nas listas para o próximo 23 de xuño, xa que, segundo reivindicou, as expectativas dos socialistas nestes comicios son "elevadas".

"O importante é que os que saian elixidos e lideren as posicións dos partidos sexan xente de solvencia política e de capacidade. Sen dúbida, Carmela Silva demostrou unha atención excepcional a todos os municipios do ámbito da Deputación. Tratou a cada municipio de acordo coa súa poboación e non excluíu a ninguén pola cor política", defendeu.

Sobre a perda da Deputación de Pontevedra en favor dos populares, o alcalde da cidade olívica afirmou que "se perdeu dunha forma democraticamente inexplicábel", na súa opinión, pola "infrarrepresentación de Vigo".

Resultados en Vigo

Cuestionado polos resultados en Vigo, onde repetirá como alcalde tras outra maioría absoluta, Caballero reivindicou que o que gañou o pasado domingo non foi "a lista do PSOE ou Abel Caballero", senón que gañou "un modelo de cidade".

Así mesmo, cualificou os resultados do PP na cidade olívica como "calamitosos" e expuxo que os populares obtiveron "o segundo peor resultado do PP na historia de Vigo" e "o peor resultado do PP en todas as cidades".

"Algo terá que ver que a miña lista é forte e con moito apoio, pero iso tamén denota que a Xunta castiga a esta cidade e presenta como candidata á delegada da Xunta. E a cidade respondeulle así", relatou.

Ante estes resultados, Abel Caballero xa avanzou que se volverá a presentar ás seguintes eleccións municipais e augurou: "Terei entre 19 e 21 concelleiros". Neste sentido, indicou que cando os proxectos políticos "teñen un apoio que supera o 85%, teñen que continuar". "Eu pretendo continualo en tanto os cidadáns o sigan apreciando e en tanto o corpo aguante; e por agora aguanta ben", remarcou.

Candidato PSdeG

Preguntado polo candidato do PSdeG á Xunta, Abel Caballero insistiu en que serán as primarias do partido as que o elixan. Sobre o momento no que se producirán esas primarias, o rexedor vigués desexou que se realicen cando "haxa acougo para tomar unha decisión política desta envergadura". "Pode ser setembro unha boa data", recoñeceu, aínda que ve "conveniente" facelas cedo porque o candidato que saia "ten que facer a súa formulación política".

Comentarios