A dirección do PSdeG mandata a unha comisión negociar investiduras co BNG

Laxe Tuñas, Carmela Silva e Alberte Varela forman o equipo negociador.
Valentín González Formoso, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Valentín González Formoso, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)

A Executiva Nacional Galega do PSdeG mandatou unha comisión para negociar co BNG a investidura de Gobernos "progresistas" en todos os concellos nos que sexa posíbel, mais deixa no aire a conformación de Executivos de coalición.

En declaracións aos medios nun receso de reunión da dirección do PSdeG, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, manifestou onte que os socialistas están en disposición de alcanzar cen alcaldías de forma segura e en condicións de negociar outras 13.

Formoso anunciou que un equipo negociador encargarase das conversas co BNG a este respecto, cun equipo integrado polo secretario de Organización do PSdeG, José Laxe, o alcalde en funcións de Vilagarcía e presidente da Fegamp, Alberto Varela, e a presidenta en funcións da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

A preguntas da prensa sobre se o ministro de Sanidade, José Miñóns, ou o delegado do Goberno español na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, poden ser as persoas que lideren as candidaturas por Galiza ao Congreso español, Formoso manifestou que "teñen probabilidades" —lembrando a tradición de que cargos socialistas ocupen esas responsabilidades— mais considerou que "é cedo" aínda para abordar este tema. 

Compostela

O BNG principiou esta quinta feira o proceso de negociación para conformar un "Goberno transformador" en Compostela. “Desde o PSOE expresaron a vontade de facilitar a Alcaldía do BNG en Compostela a partir do Pleno do 17 de xuño”, informou a formación nacionalista, e emprazáronse a seguir a negociación nos próximos días.

Comentarios