Rueda non fía o seu futuro político ao de Feixoo e non adiantará as eleccións galegas ao 23 de xullo

Na noite electoral e a primeira hora da mañá do día 29 de maio nada facía presaxiar a mudanza a respecto dos comicios estatais até que Pedro Sánchez anunciou o adianto das eleccións do Estado ao 23 de xullo. Enseguida comezaron os ruxerruxes e, a media mañá, Alfonso Rueda sentaba coas súas colaboradoras e colaboradores máis estreitos para analizar un posíbel adianto electoral na Galiza. Co devir das horas, facíase máis probábel, mais, pasadas as 18 horas, Rueda apostaba por non fiar o seu futuro electoral ao de Feixoo e por manter as eleccións galegas para o ano que vén.

Alfonso Rueda, nunha imaxe de arquivo [Foto: Arxina]
photo_camera Alfonso Rueda, nunha imaxe de arquivo [Foto: Arxina]

Conforme pasaban as horas, collía máis corpo a posibilidade dun adianto electoral na Galiza. Unha hora despois de coñecerse que Pedro Sánchez convocaba as eleccións estatais para o 23 de xullo -até entón todo parecía indicar que terían lugar en decembro-, o seu homólogo galego, Alfonso Rueda, cancelaba toda a axenda prevista para a segunda feira e para a terza feira e reuníase co núcleo duro das súas colaboradoras e colaboradores.

Non era a primeira vez que se falaba de facer coincidir ambos os comicios. De feito, Nós Diario puxérao enriba da mesa xa en outubro de 2022. A hipótese foi perdendo forza conforme pasaron os meses e dadas as declaracións do propio Rueda descartando a coincidencia, até este mesmo 29 de maio, tras a declaración pública de Sánchez.

As declaracións do seu vicepresidente primeiro, Francisco Conde, referíndose a un “novo contexto” na mañá da segunda feira facían entrever que Rueda podería adiantar as eleccións. De feito, conforme o presidente, tan só 10 días antes, aseguraba que en ningún caso as eleccións galegas coincidirían coas estatais, o seu vicepresidente mudaba o discurso e apuntaba que na reunión do Comité Executivo do partido “farase unha análise tanto do resultado das eleccións como deste novo contexto”. “Será o momento en que o presidente poida trasladar o seu posicionamento”, engadía, preguntado polos medios de comunicación.

O feito de que Rueda convocase unha rolda de prensa para as 18 horas da segunda feira non facía máis que incrementar a sospeita: todo ía encamiñado ao adianto electoral, mais finalmente o xefe do Executivo optou por seguir coa axenda galega nun contexto en que a Galiza escapou ao arrase do PP grazas á suba do nacionalismo, que foi quen de parar o tsunami da dereita. O incremento de votos do BNG logrou compensar a caída do PSdeG e contrarrestar o auxe da dereita. O PP rexistrou na Galiza uns resultados máis discretos que no resto do Estado, sen chegar ao 40% dos apoios. De feito, a suma do voto nacionalista e do socialista sitúase claramente por riba dos votos da dereita.

Un BNG á alza, un PP confiado nos resultados no Estado e un PSdeG, Sumar e Podemos en caída

Un adianto das eleccións galegas collería o PP á alza a nivel estatal e o BNG en clara tendencia ascendente. A quen collería co pé cambiado sería o PSdeG, que, alén da caída experimentada nas eleccións municipais, carece de candidato ás eleccións galegas, fronte ao liderado consolidado de Pontón e de Rueda. Peor escenario que o do PSdeG sería o do espazo político nucleado ao redor de Unidas-Podemos e as mareas, que ficaron desestruturadas após o descenso dos apoios, mesmo perdendo a representación nas cidades máis poboadas da Galiza, Vigo e A Coruña.

A grande incógnita, a respecto deste espazo, é se Podemos concorrerá aos comicios estatais, finalmente, coa plataforma creada pola ministra de Traballo, Yolanda Díaz. Teñen tan só dez días, desde esta terza feira, para presentar unha coalición. A proposta política de Díaz fica en cuestión após os resultados das candidaturas que apoiara, explicitamente, na Galiza: a de Podemos na Coruña, que non conseguiu entrar na Corporación, e a de Compostela Aberta na capital, onde cedeu tres actas, ao pasar de 5 edís a 2.

Comentarios