O DEBATE

Acerta Pedro Sánchez ao adiantar as eleccións estatais para 23 de xullo?

O analista político Luis Paz e a profesora da USC María Bastida analizan a decisión de Pedro Sánchez de adiantar os comicios estatais ao 23 de xullo. 
Pedro Sánchez explicando no Congreso na terza feira as razóns do adianto electoral (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Pedro Sánchez explicando no Congreso na terza feira as razóns do adianto electoral (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

Malo para os partidos, malo para esquerda

Luis Paz

Como Don Mendo xogando ás sete e media, o presidente Sánchez adianta a data das eleccións confiando en acertar co naipe. Pero en política, o cálculo dos tempos é complexo, e está sempre presente a ameaza de pasarse ou de quedarse corto. O adianto resulta bo para o Goberno, que se aforra así o sufrimento de permanecer seis meses nunha sorte de limbo, coa espada de Damocles dos resultados das municipais e autonómicas pendendo sobre a cabeza. Pero se esperar a decembro sería insostible, chamar ás urnas en xullo parece dunha urxencia excesiva.

Por moito que á xeración de políticos dos Sánchez, Casado, Iglesias e Rivera lle gusten os liderados persoais e a deriva cara un sistema presidencialista, o noso segue a ser un sistema parlamentario. A ilusión de facer un Macron, de chegar a presidente sen precisar dun partido é, de momento, inviable. Como demostra a caída de Podemos e Cidadáns, en España non se pode facer política sen unha organización territorial detrás. E como isto non é Francia, o adianto coloca en situación moi difícil a quen, en teoría, quere favorecer: o PSOE e o conxunto das forzas de esquerda. 

Á cita electoral do 23 de xullo a esquerda chegará derrotada

O candidato socialista fará campaña acompañado polos dirixentes do seu partido recentemente derrotados, porque non haberá tempo material a cambiar os cadros. A perspectiva dunha serie de aparicións de Sánchez con Ximo Puig en Valencia, con Juan Espadas en Andalucía ou con Oscar Puente en Valladolid pode converter as fotos e vídeos das xerais nunha nova tempada de The Walking Dead. En teoría, só en Galicia, Cataluña e Euskadi poderá facer Sánchez unha campaña normal. E iso se en Galicia non lle botan en cara os seus a incerteza que se xera arredor do futuro de Besteiro, que pode torcer os plans para impulsalo á Xunta.

Malo tamén o adianto para o proxecto sempre abocetado de Sumar, que esperaba ter máis tempo para fixar o seu deseño definitivo. Yolanda Díaz podería ter adiantado traballo, propoñer máis cousas concretas en lugar de tanta ilusión e tanto bo rollo. Para iso xa tivemos os concertos de Coldplay en Coimbra. 

O antecedente de Madrid

As eleccións madrileñas de hai dous anos, antes incluso da polémica xerada pola “Lei do só si é si”, deixaron de manifesto que Podemos/Esquerda Unida precisaban mudar a súa acción e a súa comunicación. O derrubamento das Mareas en Galicia é un bo relembro de que a ideoloxía serve para chegar ás institucións, pero para manterse nelas hai que botar man da xestión. 

Á cita electoral do 23 de xullo a esquerda chegará derrotada, sen recambiar os seus dirixentes territoriais e municipais, dividida, e incapaz de agochar as loitas de ego. Malos ingredientes para apelar a un novo esforzo dunha militancia cansada e duns votantes decepcionados. Sobre todo cando enfronte a dereita chega pletórica, mobilizada arredor dun líder revalidado, con Ciudadanos enterrado e Vox que non acaba de ser percibido como ese monstro que a esquerda necesita para frear a súa caída. 

A ilusión de facer un Macron é de momento inviable

O Goberno non podía aguantar ata decembro, pero aos partidos de esquerda teríalles vido ben optar por unha data máis razoable, mesmo setembro. Para enxugar as bágoas, anovar algunhas caras, e facer as listas cun mínimo de ilusión. 

Porque se as eleccións son a festa da democracia, o adianto do 23 de xullo ameaza con converterse para as forzas de esquerdas nunha entusiasta invitación a un velorio, mentres en Génova nin desmontan a megafonía da rúa.


 

Nin arre, nin xo

María Bastida

Sen marxe de dixestión dos resultados electorais do pasado domingo -ou, precisamente, para que non a fagamos-, o presidente do Goberno convocou eleccións anticipadas a finais do próximo mes. Aínda que esteamos entretidos con ese sismo político, parece claro que as eleccións do 28-M supuxeron un revés tanto para o PSOE como para os partidos á súa esquerda, aínda que ás veces cabe preguntarse se esa distinción aínda é posible. 

A decisión é, cando menos, sorprendente, tendo en conta que a lexislatura podía alongarse ata finais de ano -mesmo un pouco máis- e en xuño España asume a presidencia de quenda da UE, o que situaría a Sánchez no foco mediático que tanto lle presta. E como todo cambio, real ou potencial, este tamén ten vantaxes e inconvenientes, tanto dende a perspectiva dos dirixentes políticos como a dos votantes. 

Sánchez ten a oportunidade de diluír os malos resultados do 28-M cun golpe de temón que sitúa o debate no futuro, e non no pasado recente. Loxicamente, anticípase a posibles críticas internas daqueles compañeiros de partido que, ante todo e sobre todo, perderon o domingo o seu posto de traballo: non hai tempo para construír unha alternativa interna, polo que os esforzos concentraranse en revalidar a opción actual, por mala que esta sexa.

De rebote, tamén permite simular un exercicio de responsabilidade que lle deixaría liberdade para aceptar un hipotético nomeamento nunha institución máis aló das nosas fronteiras. Ademais, evita aos socialistas transitar en solitario cara ao final da lexislatura, porque o seu socio preferente de goberno estaba abocado á ruptura na procura dunha posición diferencial para próximos comicios. 

Redúcese todo a unha carta: a que indica se sopra vento de cambio

Enfronte, están os partidos que aspiran a ser alternativa de Goberno. Para eles esta cita inesperada supón a oportunidade de anticipar o cambio, pechando unha etapa na que as posicións ideolóxicas, os erros lexislativos, o sangrado fiscal da clase media, a suba da cesta da compra e da enerxía, e os pactos dirixidos a beneficiar partidos no limiar da orde constitucional esvaecen no marco dunha teórica mellora económica apontoada cun crecemento exponencial do gasto público que probablemente dará signos de esgotamento máis pronto que tarde.

 Con todo, tamén hai inconvenientes. Por unha banda, está por ver o efecto que terá na nosa imaxe externa unha situación de interinidade mentres se ostenta a quenda de presidencia europea. Por outro, a cidadanía pode afrontar con preguiza unha nova campaña, máxime considerando que o ton non será precisamente sosegado. Está por ver, tamén, o efecto de convocar eleccións en xullo, cando moitas persoas deberán elixir entre votar ou descansar, ou aínda peor, perderán unhas vacacións xa contratadas pola obriga de formar parte das mesas electorais.

Algo que, por certo, non pasaba en xullo de 2020, onde a opción da viaxe estaba descartada pola Covid. Por ultimo, non se pode desbotar a carga que suporá para os axentes turísticos especializados, a quen se lle corta a actividade en plena tempada alta. En resumo, parece de dubidosa conveniencia chamar ao voto nunhas datas que minimizan as oportunidade de participación. E sen esquecer o incremento do voto por correo, obxecto de dúbidas tan recentes como fundamentadas. 

Sánchez ten a oportunidade de diluír os malos resultados do 28-M

Unha vez máis estamos no intervalo entre o branco e o negro. No fondo, redúcese todo a unha carta: a que indica se sopra ou non vento de cambio. A mesma carta presenta vantaxes para uns e inconvenientes para outros, en posturas alternas e momentos sucesivos. Pero en última instancia, só subxace unha cuestión: que imos poder votar. E iso hai que celebralo sempre. 

Comentarios