A Xunta prevé converter o 62% dos Concellos do país en proxectos mineiros

Desde AGE exixen a retirada do Plan sectorial de actividades extractivas de Galiza actualmente en período de exposición pública. A proposta do Goberno prevé "legalizar as explotacións mineiras" que actualmente operan sen licenza e liberalizar o solo para converter "Galiza nunha mina a ceo aberto"

Antón Sánchez [Imaxe: AGE]
photo_camera Antón Sánchez [Imaxe: AGE]

Perante a mobilización que o vindeiro domingo se celebrará en Compostela contra a minaría contaminante, desde Alternativa Galega de Esquerda (AGE) chaman a cidadanía a "se mobilizar" contra "un modelo económico, político e ambiental" que está a converter Galiza nunha "mina a ceo aberto". Así o explicaron esta segunda feira en comparecencia de impresa @s deputad@s Yolanda Díaz, Antón Sánchez, Consuelo Martínez e Xosé Manuel Beiras que exixiron á Xunta de Galiza a retirada do Plan Sectorial de Acivicades extractivas de Galiza. 

As licenzas municipais e as memorias ambientais xa non serán obrigatorias 

A proposta atópase en exposición pública desde o pasado 3 de maio e ben a dar continuidade ao "proceso de deconstrución normativa", apuntou a vicevoceira da coalición Yolanda Díaz, que permite a venda "da contorna ás transnacionais" e a instalación de proxectos mineiros "en todo o territorio". Antón Sánchez, asegurou que o plan "pretende diagnosticar cales son os problemas das empresas para desenvolveren a súa actividade" para lles dar solución desde a administración. 

O Plan sectorial legaliza o "solo rústico" para a explotación mineira mais tamén os ríos e os espazos da Rede Natura

Neste senso, denunciou que o texto legaliza as explotacións mineiras que actualmente operan sen licenza ao suprimir a obrigatoriedade da mesma para pór en marcha a actividade extractiva. Consuelo Martínez lembrou que o Plan achegado pola Xunta de Galiza considera que o "62% dos Concellos" da Galiza poden ser obxecto de proxectos mineiros. 

Nin a consideración de "solo rústico" servirá de se aprobar o Plan para frear a instalación de explotacións mineiras pois esta consideración deixará de ser un impedimento para a súa construción.  A Rede Natura ou os ríos ficarán tamén como posíbeis emprazamentos e mesmo se recollen como posíbeis localizacións "os ríos Miño e Sil", denunciou a deputada Consuelo Martínez. 

Tamén así, o Plan sectorial presentado polo executivo de Núñez Feijóo desbota a necesidade de se aprobar unha memoria ambiental para iniciar un proxecto mineiro. Neste senso, desde AGE aseguraron que a nova norma considerará aprobado este informe de non se presentar en tempo e forma no prazo previsto. 

O vindeiro domingo 2 de xuño Compostela acollerá unha mobilización contra a megaminaría contaminante que se prevé será masiva

Chaman á mobilización social

Para o grupo parlamentar liderado por Xosé Manuel Beiras a política mineira  da Xunta de Galiza é propia "dun país subdesenvolvido" e dunha "economía de enclave" polo que chaman á cidadanía a se mobilizar o vindeiro día 2 e mesmo a "ocupar" o terreo cobizado polas empresas de extracción.

Neste senso, Xosé Manuel Beiras exixiu que se convoquen referendos populares para que sexa a cidadanía "quen decida" pois a Xunta, dixo, está "ao servizo das transnacionais" e quere converter "Galiza nunha Katanga". 

Beiras fixo un chamamento á poboación "para que se alcen en pé de guerra" dixo "porque esta xentuza quere borrar do mapa a este país". Aliás, o portavoz parlamentar insistiu en que "non vale que se mobilicen só os afectados" e mesmo emprazou a "ocupar fisicamente" o espazo que queren atinxir mesmo con acampadas permatentes e rotatorias. 

Comentarios