A Deputación de Lugo exixirá aos directivos das caixas devolveren as indemnizacións

O organismo provincial reclamará, no seu vindeiro pleno, que os directivos das caixas galegas devolvan as millonarias subvencións que recibiron cando deixaron os seus cargos. Pedirá tamén a creación dunha comisión de investigación sobre Nova Galiza Banco.

Concentración de afectad@s polas preferentes
photo_camera Concentración de afectad@s polas preferentes

O organismo provincial reclamará, no seu vindeiro pleno, que os directivos das caixas galegas devolvan as millonarias subvencións que recibiron cando deixaron os seus cargos. Pedirá tamén a creación dunha comisión de investigación sobre Nova Galiza Banco.

A Deputación de Lugo aprobará, no seu vindeiro pleno ordinario, o 26 de xuño, unha moción conxunta na que instará á Xunta a garantir a existencia dunha entidade de crédito galega de orientación pública. O organismo provincial demandará ao Parlamento galego a creación dunha comisión de investigación que bote luz sobre as causas que levaron a Nova Galiza Banco á situación actual.

A Deputación esixirá, ademais, que os directivos das caixas devolven o diñeiro que recibiron ao abandonar as entidades. “Non se pode permitir -sinala o vicepresidente da Deputación, Antón Veiga- que aqueles que deixaron á banca galega cun buraco de máis de 7.000 millóns de euros, o 12 por cento do PIB galego, cobren indemnizacións mentres as familias e as PEMES están a padecer as consecuencias da falla de liquidez de Nova Galiza Banco”.

Para Veiga, é imprescindíbel que se investigue  a fusión de Caixa Galiza e Caixa Nova e o proceso de bancarización para  coñecer as causas que provocaron a situación actual e poder depurar así responsabilidades políticas. O vicepresidente da Deputación considera que, tan grave como os excesos  que levaron ao borde da desaparición á entidade financeira, é o feito de que que o Goberno galego os permitira. Este é, para o vicepresidente da Deputación, o motivo que explicaría os impedimentos do PPdeG á creación dunha comisión de investigación no Parlamento galego.

A moción tamén reclamará dos gobernos central e autonómico solucións para as e os aforradores afectados polas participacións preferentes. Veiga reclama do presidente da Xunta que pilote a solución a este problema, dato que o goberno autonómico conta con competencias sancionadoras sobre as prácticas irregulares das entidades financeiras en materia de consumo.

Comentarios