“ A sociedade catalá é a que empurra a CiU e a Artur Mas cara á independencia”

Aurélio Lopes (Irmandade Tv) estivo en Barcelona após coñecerse a data e pregunta do referendo pola independencia de Catalunya. Na súa viaxe entrevistou a importantes referentes políticos e xornalísticos do Principat como o director de Vilaweb, Vicent Partal, ou o número dous de ERC, Oriol Amorós. Conversamos con el arredor das impresións que tirou do que está a acontecer en Catalunya. 

Aurélio
photo_camera Aurélio Lopes [Irmandade Tv]

Como está o ambiente en Catalunya após anunciaren a data e pregunta do referendo?
Eu percibín o ambiente dun país que ten xa a mentalidade posta moito máis alá do que pode ser a consulta. Séntense un país e pensan como tal. Cando desde o Estado español se especula con imposibilitar a consulta e que os cataláns poidan ser independentes, o que está a facer é botar aínda máis argumentos cara á independencia e afortalando as forzas políticas que a apoian. 

Que sensación percibiches naquela xente menos politizada?
Por falar de anécdotas concretas. De camiño ao acto de Esquerra o taxista que nos levou era de orixe andaluza, nado en Jaén, castelán-falante e totalmente a favor da consulta. É interesante ver como entenden o proceso estas bolsas de inmigrantes que en Catalunya son tan importantes. 
Si que se relativiza a cuestión da independencia e a posibilidade de que se poida dar unha mudanza social real. Neste senso, unha ampla maioría da sociedade catalá está a favor da independencia. Mais, esoutra que non ten como obxectivo inmediato a creación dun novo Estado ou que mesmo é contraria a el, si está a favor de que se poida consultar pois cren que é unha cuestión democrática. 

"Aquela xente que non ten como obxectivo a independencia está a favor da consulta pois cren que é unha cuestión democrática"

Percíbese como algo negativo a posición de España?
Si, totalmente. Segundo os inquéritos publicados mesmo por El Periódico –que é unha cabeceira próxima ao PSC-- o 75% da sociedade catalá demanda ao executivo central que permita a legalidade da consulta. Neste senso, está asumido dunha maneira tan natural que as posicións que mantén o Estado español non fai senón alimentar a espiral do proceso. Pois o papel do Estado, nos últimos 3 ou 4 anos cando comeza esta etapa do movemento independentista --coa consulta en Atenys de Munt e a creación da Asemblea nacional catalana-- o que está é a alimentar o propio proceso. 

E a imprensa, que di?
Para comezar, a primeira impresión que tirei ao achegarme ao quiosque foi atopar todas as cabeceiras catalás, independentemente do seu posicionamento a respeito do proceso, en catalán. Iso para alguén que vén dun país coma o noso, onde non existe ningunha cabeceira diaria en galego, é algo que che pega un golpe na cara. Para alén dos xornais soberanistas que están escritos en catalán, as cabeceiras que tradicionalmente foron escritas en español, como La Vanguardia ou El Periódico, teñen diariamente a súa propia versión en catalán. A respeito das valoracións que fixeron, os xornais máis soberanistas como Ara ou El Punt, defendían a resposta SiSi, a celebración da consulta e festexábana abertamente. Outros como La Vanguardia, tamén o asumían como algo natural, embora apuntar que constitúe un reto para o Estado español. Se procuramos un denominador común é o da normalidade absoluta coa que se recibiu a proposta. 

"Se procuramos un denominador común entre a imprensa é o da normalidade absoluta coa que se recibiu a proposta"

E as forzas políticas, cal é o sentir que atopaches nas persoas que entrevistaches?
Non se agardaba que o anuncio for tan inminente, mesmo persoas moi próximas ao poder político, aos medios de comunicación, malia a que se sabía que sería antes de rematar o ano de acordo co compromiso adquirido no Parlament e as demandas da Asemblea nacional catalana, que representa practicamente o 40% do electorado. As forzas políticas veno como algo natural. E cando a imprensa española di que Artur Mas está nunha fuxida cara adiante ou que está enganando a poboación pois non é unha análise seria. Pois é a sociedade catalá a que empurra a CiU e a Artur Mas, foi a que fixo que todo isto se movese. Logo, no campo independentista a cuestión de se haberá consulta ou non hai quen lle dá máis e menos importancia. Hai quen coida irrenunciábel a celebración do referendo e quen pensa que a independencia chegará de todas as maneiras. Quer nunha consulta ou, no caso de se prohibir, através dunhas eleccións plebiscitarias. Isto tamén é salientábel do independentismo catalán. A cantidade de maneiras diferentes que se propoñen como medio para alcanzar a independencia. Algo que tamén contrasta coa nosa realidade é a pluralidade de propostas ideolóxicas que apoian a independencia. Desde aquelas que queren rematar co sistema económico capitalista até quen gostaría de que ese Estado se convertera nun paraíso fiscal. 

"Algo que contrasta coa nosa realidade é a pluralidade de propostas ideolóxicas que apoian a independencia"

Coidas que o proceso aberto en Catalunya inflúe noutras nacións sen Estado, concretamente na Galiza?
Xa está a influír. A respeito de Euskal Herria, cando a esquerda abertzale decide fechar a cuestión da violencia xa estaba a colocar na súa análise elementos deste tipo, incluído que Catalunya estaba a acumular unha forza cívica impresionante, un movemento pacífico e democrático que lle estaba a botar un pulso ao Estado. Embora en Euskal Herria o debate soberanista está máis silnciado por mor  dunha guerra de 50 anos, cando estabilizaren ese proceso, Euskadi pulará por un estado de seu. Sete de cada 10 bascos así o demandan. No tocante a Galiza, tamén inflúe mais doutra maneira polos nosos propios ritmos no proceso nacional. Mais inflúe porque está a exixir que todas as forzas políticas tanto galegas coma as estatais que operan na Galiza teñen que ter un posicionamento sobre esta cuestión. Aliás, pode contribuír a abrir os ollos a certos sectores do nacionalismo que acreditando en certas potencialidades do país nunca chegaron a estaren convencidos de que o país ten todas as potencialidades e capacidades –tanto de recursos como de persoas-- para sermos un estado e xestionalo de maneira absolutamente adulta. O pobo catalán, nese senso, está a demostrar co seu proceso, que si se pode. 

Máis en Països Catalans