Rajoy responde a Mas a un enderezo que non existe

O presidente español apela ao "marco xurídico" e á "legalidade" para rexeitar a convocatoria dun referendo de autodeterminación en Catalunya e envía a misiva a un enderezo irreal.

photo_camera [Imaxe: La Moncloa]

A través dunha carta que tardou en chegar perto de dous meses e ía dirixida a un enderezo irreal --a Presidencia atópase na Plaça de Sant Jaume e non na "Pina" como recolle a misiva-- o mandatario español rexeitou o referendo de autodeterminación catalán asegurando ter "demostrado" ser "unha persoa comprometida plenamente co diálogo".

Mariano Rajoy dá portazo a través da súa misiva ás demandas soberanistas expresadas polo president da Generalitat --en cumprimento do acordo adoptado polo Parlament-- e insiste en lembrar ao líder do executivo catalán a "exixíbel lealdade institucional" e o "respecto ao marco xurídico" que di, "nos vincula a todos".

Sen pronunciarse ao respeito do informe xurídico achegado polas autoridades catalás no que basean a lexitimidade da consulta e do dereito de autodeterminación do pobo catalán, Rajoy asegura amosarse "convencido" da "extraordinaria relevancia que Catalunya ten para o conxunto de España" e da "riqueza, singularidade e pluralidade", afirma na carta, que caracteriza a sociedade catalá. 

O presidente español asegura que o seu Goberno "foxe" de desatar os "custos afectivos, económicos, políticos e sociais" que carrexaría a independencia de Catalunya e empraza a Mas para iniciar un diálogo que fortaleza os lazos que unen Catalunya e o Estado español. 

O president da Generalitat de Catalunya emprazou este sábado (15 de setembro) ás forzas políticas con representación no Parlament de Catalunya a consensuar unha posición "unitaria" e "firme" perante o "non" expresado polo Goberno español. De antemán, ningunha das forzas soberanistas esta disposta a retrasar a consulta para alén de 2014 de acordo coa vontade popular expresada na Diada. 

Máis en Països Catalans
Comentarios