A maioría parlamentar catalá asina un pacto nacional polo dereito a decidir

ERC, CiU, PSC e ICV presentan unha resolución colectiva coa que instarán ás Cortes españolas a recoñecer o referendo de autodeterminación en 2014. O texto emana do manifesto elaborado por Joan Rigol, ex-president da Generalitat, que foi subscrito polas devantidas forzas como un pacto nacional polo dereito a decidir. 

Pleno Parlament Catalunya
photo_camera Pleno Parlament Catalunya

A maioría parlamentar de Catalunya instará "con carácter urxente" ao pleno da Cámara a demandar no Congreso español a convocatoria dun referendo de autodeterminación en 2014. Ese é o cerne da resolución que ERC e CiU presentarán esta sexta feira --xunto co PSC e ICV-- no debate de política xeral. 

A resolución será debatida esta sexta feira no debate de política xeral

A proposta, que emana do Manifest Rigol polo dereito a decidir, solicita ás demais forzas políticas que se sumen a esta demanda que abrangue aliás a creación antes do vindeiro mes de xullo, dunha Axencia Tributaria catalá capaz de recabar todos os impostos. A resolución visa dar un paso á fronte habida conta da negativa do Estado español a recoñecer o dereito á libre determinación de Catalunya como reflectiron os encontros bilaterais desenvolvidos entre Artur Mas e Mariano Rajoy. Neste senso, reclaman ao executivo español capacidade para dialogar e negociar.

A proposta insta o Parlament a demandar a convocatoria do referendo nas Cortes españolas

CDC e ERC comezan a falar da formulación da consulta

De se aprobar a proposta de resolución o texto recolle a vontade expresa de axendar a convocatoria da consulta e consensuar o contido da pregunta que formularán @s catalás. Desde CDC, o seu secretario de organización, Josep Rull, avanzou a través da súa conta de Twitter que defenderán "unha pregunta e tres respostas". A seguir, adiantou nun dos seus chíos que a pregunta que defenderá CDC nas negociacións é "Estado propio. Si. Non. Branco". No entanto, desde ERC a deputada Marta Rovira asegurou que "a resposta há ser binaria: si ou non". 

Sexa como for as forzas asinantes do Manifest Nacional per el Dret a Decidir acordaron que a formulación final que adopte a consulta popular será o máis consensuada posíbel. 

As CUP apoian o proceso mais descartan polo momento asinar o manifesto e presentar a resolución

CDC afástase de Unió 

Convergència desmárcase así do seu socio de coalición após a proposta achegada por Duran i Lleida a pasada segunda feira na que apostaba por un novo estatus para Catalunya --a comezar por un pacto fiscal co Estado español-- mais no que desbotan a independencia. As declaracións do president da Generalitat Artur Mas durante o debate sobre política xeral advertiu a Unió de que a súa aposta polo dereito de autodeterminación é real e non defenderá terceiras vías nin pactos co Estado español que non supoñan a soberanía nacional plena para o pobo catalán.

Pola súa banda, as CUP aseguran que embora se manteñan dentro do pacto nacional aínda non subscribirán o manifesto á espera de adoptar un posicionamento a respeito dalgúns dos seus fragmentos. 

Máis en Països Catalans
Comentarios