As enquisas quítanlle a maioría absoluta a CiU


Cinco enquisas publicadas hoxe coinciden en que Mas será a forza máis votada cuns resultados semellantes aos de 2010, sen acadar a maioría absoluta. O segundo posto estaría entre ERC, PSC e PP. SI desaparecería do Parlamento e CUP entraría por primeira.vez.
Mitin de CiU en Badalona
photo_camera Mitin de CiU en Badalona


O domingo anterior á xornada electoral a prensa diaria adoita sacar enquisas sobre a intención de voto. En Catalunya hoxe saíron cinco, todas realizadas coa campaña comezada. Cun índice de persoas indecisas, ao redor do 40 %, avalían as posibilidades que ten cada formación e guían, en parte, as estratexias da última semana de campaña.  

O índice de persoas indecisas cando se fixeron as enquisas superaba o 40 %

Os datos publicados hoxe en El Periódico, El País, La Vanguardia, El Mundo e Abc coinciden en que o candidato de CiU, Artur Mas, non ten asegurada a maioría absoluta. Esta primeira análise parte do número de deputad@s que conseguiría en todas elas que vai dos 60 aos 64 cando debería ter máis de 68 para gobernar con tranquilidade.

A segunda análise destas enquisas é a forte loita entre tres formacións políticas (ERC, PSC e PP) polo segundo lugar en escanos. @s socialistas caerían na intención de voto e os populares manterían un numero semellante de deputad@s aos que xa tiña. O partido que sobe é ERC que podería case duplicar a súa actual presencia no Parlamento catalán.

Dos actuais partidos políticos con representación parlamentaria, Ciutadans aumentaría representación, coa posibilidade de ter até 8 escanos, e Solidaritat Catalana (SI) quedaría fóra na maior parte de enquisas. O papel de CUP nestas eleccións aínda esta por ver mais polos datos publicados na prensa tería representación nesta a súa primeira participación a unhas eleccións nacionais en Catalunya. A enquisa que lle dá máis deputad@s, a de Abc, asegura que poderían ter 7.  
 


El Periódico
CiU: 62-64 / PSC: 15-17 / PP: 15-17 / ERC: 19-20 / ICV: 13-14 / C's: 6-7 / SI: 0-1 / CUP: 0-1

El País
CiU: 62 / PSC: 18 / PP: 19 / ERC: 18 / ICV: 10 / C's: 6 / CUP: 2/ SI: 0

La Vanguardia
CiU: 62-64 / PSC: 17-19 / PP: 16-18 / ERC: 14-15/ ICV: 13-16 / C's: 7-8 / CUP: 0-2 / SI: 0

El Mundo
CiU: 60-63 / PSC: 21-23 / PP: 20-21 / ERC: 14 / ICV: 10-12 / C's: 5/ SI: 0-2 / CUP: 0

Abc
CiU: 60-62 / PSC: 17 / PP: 18 / ERC: 18 / ICV: 9-10 / C's:6 / CUP: 4-7/  SI: 0


Resultados 2010
CiU: 62 / PSC: 28 / PP: 18 / ICV: 10 / ERC: 10 / SI: 4 / C's: 3 

Máis en Països Catalans
Comentarios