O Lugo do século XXII a descuberto no suplemento 'Gozar'

O novo número do caderno Gozar, que atoparás este sábado 13 de febreiro nos quiosques xunto con Nós Diario, ofrece unha viaxe arredor do mundo a través da gastronomía, un paseo máis calmo polas ribeiras do Tambre, unha marcha ao pasadao para descubir as horixes de Terras Mancas e unha expedición ao futuro para tratar de adiviñar o Lugo do século que vén.

Este sábado no quiosque, Nós Diario ofrece unha nova edición do semanario Sermos Galiza mais tamén do suplemento Gozar, onde expertas e expertos achegan os mellores produtos, viaxes e propostas de ocio e gastronomía da Galiza.

Anxo Fole abre o suplemento cunha escolla gastronómica moi persoal que servirá de guía para unha viaxe internacional da man de cinco pratos de moda da cociña asiática, suramericana e de Oriente Medio. Unha achega para ampliar a mirada e facerse con novos sabores, que completa Eva Cameán cunha visita máis próxima, á parroquia de Seavia, en Coristanco.

Imaxinar o Lugo do futuro

"Como será Lugo en 2100?, pregunta Guido Álvarez Parga no 'Descubrir o país' deste mes. O guía turístico aventura unha viaxe ao futuro que, en realidade, debuxa un percorrido pola cidade actual, seguindo as pegadas dos vestixios arqueolóxicos, das sendas verdes, dos treitos que se poden facer a pé e en bicicleta, dos espazos renovados pola arte urbana e a música ao vivo.

"Algo está a cambiar na mentalidade da cidade. Nos últimos anos é perceptíbel unha maior sensibilidade, un maior amor, un maior afecto polo noso" afirma o autor na recta final dun artigo que busca imaxinar o Lugo do século XXII. E a canda este texto, 'Verde periferia' , unha reflexión da actriz e artista visual María Roja.

Paraíso de viñedos

Javier Pereira Chao convídanos a coñecer as orixes de Terras Mancas, o soño de Camilo Castiñeiras Boan, quen "quixo recuperar o rastro dos monxes oito séculos despois e iniciou, cos seus propios viñedos paternos, un camiño cara á excelencia".

'Paraíso de viñedos' conta a historia dunha da adega e do viño que en 2019 "foi merecedor da Medalla de Ouro no concurso Vin España, organizado pola federación de asociacións de enólogos de España, e da Medalla de Prata no Cinve".

A cando o texto de Pereira Chao, outro asinado pola escritora de viños Lorena Costas, quen baixo o título 'En memoria da vida tabernaria' agradece ás tabernas de Compostela "case todo o que sei de viño", ademais de moitas risas e "a deliciosa sensación de fogar".

Polas ribeiras do Tambre

Desde o Proxecto Ríos de Adega, Ramsés Pérez proponnos saír de ruta polo río Tambre “á procura da flora nemoral”, un adxectivo, escribe, “que vén do latín nemorale, que significa relativo ou pertencente aos bosques ou que existe nos bosque."

Este convite cadra coa benvida á primavera que a bióloga ambiental Verónica Torrijos Pérez resume nun artigo que tira de refraneiro para achegarnos a un tempo distinto e mesmo a imaxes que por moi comúns, chegan “nun tempo que lles é propio”, advirte, como a das froiteiras en flor.

A contra do Gozar é para José Luis Videira López, adegueiro de Videiras no Mar.

Máis en Nós Diario
Comentarios