A 'censura vermella' e a imaxe gráfica do feminismo galego, no suplemento 'Coñecer'

O novo número do suplemento Coñecer, que atoparás este sábado 20 de marzo nos quiosques xunto con Nós Diario, repara na significación política e histórica do Sagrado Corazón, na pegada da ‘censura vermella’ na Galiza, na presenza do escudo galego en Portugal e na imaxe gráfica do feminismo.

Este sábado 20 de marzo, Nós Diario trae un novo número do semanario Sermos Galiza e tamén do caderno Coñecer, no que Mercedes Rozas nos propón un percorrido pola imaxe gráfica do movemento feminista galego a través dos carteis que exhibe o Museo do Pobo Galego. Unha escolma da pegada do 8-M nos carteis editados entre os anos 80 e o 2014.

'Censura vermella'

Ademais, o historiador Eliseo Fernández explica a 'censura vermella' en Vigo e A Coruña nos incios do século XX. O primeiro episodio, relata, tivo lugar a finais de 1919, no mes de decembro, nun momento de auxe “de folgas, motíns e manifestacións”; de mobilizacións populares, tantno no ámbito urbano como rural.

"O día 27 todos os sectores de traballo retornaron ás súas faenas, agás o xornal La Concordia; os linotipistas do xornal negáranse a compoñer un editorial do director Miguel Fernández Lema, ao consideralo inxurioso. Como consecuencia, o xornal non se publicou, sendo a primeira vez na Galiza en que a ‘censura vermella’ era exercida polos sindicatos", escribe.

O escudo galego

Heitor Picallo rescata a presenza do escudo galego en Portugal e engade un capítulo máis á historia do brasón galego. "Fica a dúbida de se Pedro de Gracia Dei é creador dun novo escudo da Galiza ou se se limita a difundir un emblema existente e coñecido". Foi este personaxe, detalle, quen a finais do século XV fixa a torre de Hércules como símbolo nacional da Galiza.

Ademais, da man de Carlos Méixome, o suplemento Coñecer achega a significación política e histórica do Sagrado Corazón nun artigo titulado "Sagrado Corazón... en vós confío", e que ofrece un percorrido pola historia máis próxima a través dos monumentos dedicados ao Corazón de Xesús mais ás alianzas nel representadas.

O caderno desta semana complétase coas propostas de Silvia Fiallega Lorenzo, dedicada, a súa "ás non nomeadas da historia"; de Paula Verao, titulada "Revolta da augardente"; de Xosé Álvarez Castro, que escribe sobre "Clarín, unha voz crítica na esquerda"; de Montse Fajardo, con "Elas querían parar o golpe" e de Lois Diéguez, que escolleu o seguinte título: "Bandarra, poeta, zapateiro e profeta" para a súa 'Pousada da brisa'.

Máis en Nós Diario
Comentarios