As 'Outras caras da guerrilla' protagonizan as páxinas centrais do caderno 'Coñecer'

As execucións de Amador Domínguez Pan e José Pedreira de la Iglesia van acompañadas -entre outros moitos contidos- pola lembranza da finada Elvira Varela Bao no suplemento sobre patrimonio cultural e natural, historia, arte, museos e arquivos de Nós Diario.
Caderno Coñecer 21/07/2020
photo_camera Capa do número 9 do caderno 'Coñecer'

Aínda está por facer unha historia global da guerrilla na Galiza, que debuxe un retrato conxunto da actividade armada antifranquista no país e que poña luz sobre a complexa traxectoria das redes clandestinas e dos organismos guerrilleiros. Esta circunstancia condiciona enormemente o traballo de investigación histórica, pois obriga a recorrer a fontes parciais e ás veces tendenciosas, como a prensa oficial ou a prensa de partido. A resistencia ao golpe militar en xullo de 1936 e as actividades clandestinas e guerrilleiras que naceron inmediatamente despois tiveron como soporte o voluntarismo de todas e cada unha das persoas que se incorporaron á loita; que ademais fixérono xeralmente nun ambiente de colaboración e respecto entre militantes de diversas organizacións, persoas sen militancia e familiares e amigos das persoas implicadas no combate. O remate da II Guerra Mundial e a progresiva desaparición da esperanza nunha inmediata caída da ditadura militar fixeron que aquel ambiente fora pouco a pouco degradándose, algo que foi evidente na evolución da loita guerrilleira. O control partidario desde o exilio por parte do Partido Comunista afondou nunha visión moi autoritaria do combate contra o franquismo, onde comezaron as sospeitas contra os militantes doutras organizacións, a “queima” das redes de enlaces e as operacións de “depuración”.

As historias de Amador Domínguez Pan e José Pedreira de la Iglesia (entre outros) son unha mostra do deterioro do ambiente na IV Agrupación do Exército Guerrilleiro, a perda de pluralidade desta organización, e a súa deriva estalinista. Tanto Amador como Pedreira proviñan da CNT e estiveran comprometidos coa resistencia ao franquismo desde moi cedo: Amador xa estivera encarcerado en 1936 pola súa resistencia nas escolas de mariñeiría de Ferrol e cando saíu da cadea non tardou en reincorporarse ás actividades clandestinas, mentres José Pedreira chegara á guerrilla algo máis tarde. Pedreira mesmo tivera contactos coa estrutura clandestina da CNT na Coruña para a creación dunha guerrilla específica libertaria, que non chegou a bo porto pola opción estratéxica maioritaria na organización confederal de potenciar a reorganización política e sindical, e as súas reticencias cara á actividade armada, con vistas a conseguir o apoio das potencias occidentais cara ao cambio de réxime.

Ao longo de varios anos, Amador Domínguez Pan José Pimentel e José Pedreira de la Iglesia Queimarán ou Tomás Padilla actuaron en diversas accións guerrilleiras, integrados no Destacamento “Lister” da IV Agrupación.

(Podes ler o artigo íntegro 'Outras caras da guerrilla'  no suplemento Coñecer, no teu Nós Diario de hoxe (e de todas as terzas feiras), á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loja)

Neste número, ademais, Marcelino Abuín Duro escribe sobre 'Redes no mar da memoria' ; Paula Verao e Lois Diéguez deixan as súas opinións nas seccións 'Herdo' e 'Mil ollos', e Matías da Torre, membro da Iniciativa Galega pola Memoria, protagoniza o 'selfie' desta semana.

Suplementos diarios de carácter temático

Coñecer’, ‘Aprender’, ‘Xogar’, ‘Gozar’ e ‘Producir’ publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.

Máis en Nós Diario
Comentarios