Xornais latinoamericanos censuraron a Wikileaks

Un libro publicado na capital arxentina revela a información de que os grandes diarios latinoamericanos con acceso á información segreda obtida por Wikileaks decidiron non publicala porque era contraria aos seus propios intereses.
wikileaks
photo_camera wikileaks

Wiki Media Leaks, escrito polos xornalistas Martín Becerra e Sebastián Lacunza, contén a información referida á relación entre as empresas xornalísticas da rexión e Estados Unidos a través das súas embaixadas.
"Moitos medios foron vehículo das filtracións, mais en contadísimas excepcións se atreveron a publicar documentos diplomáticos que os puidesen prexudicar, ou menos aínda, que tan só aludisen a eles", destaca o libro.
Centos de miles de comunicacións diplomáticas reservadas, confidenciais e sen clasificar de Estados Unidos foron obtidas por Wikileaks, organización sen fins de lucro, e entregadas en 2010 a grandes empresas xornalísticas para a súa publicación.
O período cuberto por esa información vai desde decembro de 1966 até febreiro de 2010, mais a gran maioría corresponden ao lapso 2008-2010.
Lacunza, colaborador de IPS e licenciado en ciencias da comunicación, contou que a idea xurdiu ao ver que medios con acceso a eses cables "eran contrarios a difundiren algunhas informacións moi substanciosas que facían referencia a eles propios".
Do total de 251.287 gabinetes do Departamento de Estado (chancelaría) de Estados Unidos e das súas embaixadas no mundo que caeron en mans de Wikileaks, hai uns 32.000 orixinados en América Latina. Dese total, entre o cinco e dez por cento aluden a medios informativos, estimou Lacunza.
Entre os achados destácase a "moderación" que se observa entre os embaixadores fronte "ás ousadías tremendas e ilegais que propoñen as elites mediáticas", dixo Lacunza.
Segundo o libro, "a diplomacia estadounidense foi, en determinadas circunstancias, menos agresiva, máis contemporizadora, e prefire opcións menos radicais que as elites locais".

O período cuberto por esa información vai desde decembro de 1966 até febreiro de 2010

Medios con acceso a Wikileaks
O texto arrinca cun panorama dos medios de comunicación na rexión e detalla cales tiveron acceso privilexiado á información confidencial filtrada pola organización liderada polo australiano Julian Assange nos distintos países.
Ao longo de toda a investigación queda de manifesto a forte concentración de medios xornalísticos na gran maioría dos países da rexión, un tema que, segundo resaltan os autores, non sempre forma parte das preocupacións principais de Washington.
A publicación ten un capítulo específico sobre Arxentina, que bota luz sobre os choques entre as principais empresas xornalísticas e o goberno centroesquerdista de Cristina Fernández. Logo outro que engloba as estratexias da embaixada estadounidense en Bos Aires con países amigos, como Perú, Colombia e Chile.
Máis adiante ponse o foco sobre os países con relacións máis conflitivas con Washington, como Bolivia, Ecuador, Venezuela e Honduras, e finalmente analiza o caso de Brasil e México, as economías máis grandes da rexión.

Relación entre xornalistas e embaixadores
O libro de Lacunza e Becerra revela que hai países como Arxentina e Brasil onde prestixiosos columnistas de diarios e televisión van protestar contra os gobernos nacionais ás embaixadas estadounidenses na procura de apoio para os seus argumentos de oposición.
Logo, eses argumentos expresados nos medios, son recollidos polas sedes diplomáticas e enviados ao Departamento de Estado como parte das súas análises nun círculo que Becerra describe como de "endogamia informativa".
Un dos columnistas sinalados no libro é o arxentino Joaquín Morales Solá, do diario La Nación e condutor dun programa dunha canle para subscritores do consorcio Clarín, e outro é o brasileiro William Waack, de TV Globo. Ambos os dous son citados polos embaixadores "para evitaren que a información confidencial sexa puramente subxectiva", di o libro.
Lacunza comentou que a práctica de apelar ás embaixadas, mentres os gobernos procuraban avanzar en leis sobre comunicacións máis progresistas, é como "unha estratexia errada" dos medios, "propia de décadas pasadas".

En Colombia, a embaixada sostén que os medios "están aliñados estreitamente co goberno" desde a etapa de Álvaro Uribe

Latinoamérica vista por Wikileaks
No capítulo arxentino, o agora exembaixador estadounidense neste país Earl Anthony Wayne di que o grupo de medios Clarín "non sempre é manexado do modo responsábel que nos gustaría" e tamén sostén que o diario de igual nome, buque insignia do consorcio e o de maior circulación no país, "pode voltear gobernos".
"O goberno (de Fernández) ten algunha razón sobre o grupo Clarín, pois este ten unha enorme influencia pola súa presenza dominante na prensa, na televisión, cable e radio", refire o diplomático. Tamén destaca que en Arxentina hai "bastante liberdade de prensa". Wayne cuestiona o labor xornalístico cando di que os medios en Arxentina "tenden a poñer o foco en rumores e afirmacións non confirmadas".
Respecto de Perú, Colombia e Chile, os cables estadounidenses son magnánimos, pero non exentos de críticas aos medios deses países.
Consideran "sensacionalistas" diarios de Perú que fixeron campaña contra o agora presidente Ollanta Humala.
En Colombia, a embaixada sostén que os medios "están aliñados estreitamente co goberno" desde o entón presidente Álvaro Uribe (2002-2010), antecesor de Juan Manuel Santos, e móstranse moderados ante o seu enfrontamento co mandatario venezolano Hugo Chávez.
Con Bolivia, Venezuela e Ecuador, as embaixadas son, en xeral, máis críticas das políticas de medios de comunicación, pero non evitan cuestionar tamén a falta de rigor ou de independencia destes, que se abandeira coa oposición política.
"O presidente (de Bolivia, Evo) Morales está no certo cando di que as ricas familias son propietarias dos medios e que en xeral teñen unha perspectiva conservadora e non comparten as posturas políticas" do goberno, afirma un cable.
En Ecuador, a entón embaixadora estadounidense Heather Hodges recoñece que hai "un chisco de verdade" nas observacións do presidente dese país, Rafael Correa, "de que os medios xogan aquí un rol, neste caso, de oposición," sinala un gabinete.
"Moitos donos de organizacións xornalísticas veñen da elite, dos negocios, séntense ameazados e defenden os seus propios intereses mediante os medios" ecuatorianos, explica a diplomática.
Sobre Venezuela, a embaixada revela a súa sorpresa ante a visita de Miguel Henrique Otero, director do diario El Nacional, que pide financiamento a Washington para neutralizar o que considera un "bloqueo publicitario" do goberno.
E sobre Honduras, o libro pon de manifesto que o embaixador Hugo Llorens falou desde o primeiro día do "golpe de Estado" perpetrado o 28 de xuño de 2009 contra Manuel Zelaya, e criticou aos medios radicalizados contra o goberno e a democracia nese país.








Máis en Mundo
Comentarios