Trece millóns de crianzas europeas están en 'pobreza relativa' segundo Unicef

Un informe deste organismo internacional mostra o estado das crianzas en países do noso continente. Os resultados presentáronse aos partidos políticos para  o teren en conta e consideraren contar nos seus programas electorais con ferramentas para mellorar esta situación.
photo_camera Pobreza nas crianzas de Europa

Ao redor de 13 millóns de nenos padecen pobreza relativa ou privacións nos países de Europa, segundo revelou un informe do Fondo de Nacións Unidas para a Infancia (Unicef). O estudo titulado "Crianzas pobres en países ricos" abranxe os 27 membros da Unión Europea, mais Islandia, Noruega, Suíza, Canadá, Estados Unidos, Xapón, Australia e Nova Zelandia.

A situación máis grave no denominado vello continente vívese en Romanía, Bulgaria e Hungría e a mellor corresponde a Islandia, Suecia e Noruega, sinala o documento. O estudo analiza dúas grandes variábeis, unha delas a chamada pobreza relativa, a cal corresponde @s infantes de fogares onde o ingreso é equivalente á metade da media nacional. A outra é a situación de privación, que acontece cando un menor carece de dous ou máis dos 14 elementos considerados indispensábeis, como a alimentación, condicións para estudar, libros axeitados ao seu nivel de coñecementos e outros.

A situación máis grave no denominado vello continente vívese en Romanía, Bulgaria e Hungría

Canto á participación estatal para combater estes flaxelos, Francia ocupa o primeiro lugar europeo cun gasto de 3,7 por cento do Produto Interno Bruto mais, a pesar diso, aínda o 10,1 por cento de crianzas sofren carencias e 8,8 están en pobreza relativa.

Segundo Fabienne Quiriau, presidenta da Comisión Infancia da delegación francesa de Unicef, outras fontes indican que no país galo hai cando menos 600 mil menores mal aloxados e 20 mil sen domicilio fixo.

Se ben as autoridades lograron reducir a taxa bruta de pobreza relativa infantil do 19,4 ao 8,8, outros países con menos gastos alcanzaron resultados máis favorábeis, sinala o informe.

Quiriau afirmou que para mellorar os efectos do investimento estatal nesta materia fai falta crear un observatorio nacional da infancia e a xuventude, así como un mecanismo de compensación da pobreza para acompañar os menores e as súas familias.

Os resultados confirman un diagnóstico elaborado por Unicef Francia e presentado aos partidos políticos para ser tomado en conta durante as eleccións presidenciais e lexislativas deste ano, informou Quiriau.

lac/ami

Máis en Mundo
Comentarios