DESPOIS DO "NON" DE HAI UN ANO

O soberanismo escocés quere impulsar un segundo referendo

O soberanismo escocés segue crecendo e o Scottish National Party (SNP) prepárase para convocar un segundo referendo, con independencia de se Londres acepta ou non, tal e como vén de recoñecer a deputada escocesa Christina MacKelvie.

escocia
photo_camera escocia

Malia gañar o “non” no referendo de setembro de 2014, o soberanismo escocés experimentou desde entón un gran crecemento. A deputada escocesa Christina MacKelvie informa de que a militancia do Scottish National Party (SNP) multiplicouse por cinco desde entón. O aumento do soberanismo tamén ficou patente nas eleccións ao Parlamento de Westminister, onde arrasaron con 56 dos 59 escanos dispoñíbeis.

Neste contexto, a parlamentar escocesa vén de recoñecer na Universitat Catalana d’Estiú (UCE) que o SNP se prepara para convocar un segundo referendo, “con independencia de se Londres di si ou non”. A escocesa sinalou que “hai un ano moita xente votou non a cambio de máis autogoberno, mais agora votarían si, porque as promesas esfumáronse”.

As eleccións de maio do próximo ano poderían ser o ensaio dun novo referendo. Polo de agora, MacKelvie salienta que as enquisas favorecen o SNP, pois obtería 79 deputados e deputadas dos 129 escanos da Cámara. Isto suporía que o partido nacionalista incrementaría en 14 os parlamentares cos que conta a día de hoxe.

Na UCE, a deputada nacionalista descartou unha Declaración Unilateral de Independencia, xa que incumpriría os compromisos e os principios das Nacións Unidas e mais os tratados internacionais. Sobre a posíbel data da nova consulta, MacKelvie dixo que hai que ser prudentes, pois esta vez ten que gañar o “si”.

Máis en Mundo
Comentarios