ESTADO

Rubalcaba inicia movementos para repetir como candidato do PSOE

Elena Valenciano defende que é a persoa máis capacitada para liderar ao partido na próxima cita electoral poucos días despois de que se filtrase a determinada prensa esa posibilidade.

Alfredo Pérez Rubalcaba
photo_camera Alfredo Pérez Rubalcaba

A pesar de ter mergullado ao PSOE no seu peor momento desde a Transición, o actual secretario xeral do partido, Alfredo Pérez Rubalcaba, semella disposto a recuncar como sexa no seu cargo e mesmo a presentarse de novo ás eleccións xerais, tal e como o indican os movementos que na súa contorna, tanto mediática como na dirección do partido, comezan a ser visíbeis.

Logo de filtrar Rubalcaba á prensa máis achegada que está a sopesar a súa intención de ser candidato nos próximos comicios estatais, agora é a vicesecretaria do PSOE, Elena Valenciano, a que nunhas declaracións a La Sexta insistiu nesa posibilidade, da que se amosou partidaria: “A min Rubalcaba paréceme ilusionante, de futuro, de presente. Non atopo un candidato mellor no PSOE, que é do que se trata”.

Valenciano negou que antes das eleccións de 2011, Carme Chacón tivese que renunciar a presentarse a unhas primarias obrigada pola dirección do PSOE e repetiu que @ candidat@ do seu partido para as próximas eleccións sairá “da militancia”. Nestes mesmos días, e sen espertar demasiada expectación, o PSOE galego prepara a consulta a afiliad@s para escoller un líder entre o presidente da Deputación de Lugo, Xosé Ramón Gómez Besteiro, e o alcalde da Illa de Arousa, Manel Vázquez.

Ultimamente, o PSOE está a recibir de novo fortes críticas desde a esquerda, nesta ocasión polo seu pacto co PP para non profundar nas responsabilidades políticas da traxedia de Angrois.

Máis en Mundo
Comentarios