Paraguai: o golpe de estado 'legal'

O xuízo político aberto contra o presidente do Paraguai, Fernando Lugo, alentado polos grandes terratenentes culminou cunha destitución que o propio mandatario cualificou como "un golpe de Estado exprés". Mais neste caso o golpe viría amparado pola Constitución do país, que contempla a posibilidade non só do xuízo político, senón tamén da destitución por mala xestión

Co pretexto de que o presidente do Paraguai, Fernando Lugo, tería sido neglixente na resolución de conflitos agrarios, o parlamento do país, controlado polos partidos da dereita, abriu un procedemento que culminou coa destitución do mandatario para colocar no seu lugar a Federico Franco. A Constitución paraguaia habilita a posibilidade dun xuízo político ao presidente do país, para alén da posibilidade de destituílo por mala xestión. Así as cousas, de contar cos votos suficientes, o Parlamento ten potestade para perpetrar un 'golpe de estado' que, neste caso, viría amparado pola propia Carta Magna.

Porén, varios países da contorna --Arxentina, Venezuela, Bolivia e a República Dominicana-- anunciaron xa que non recoñecerán o novo xefe de Estado, e cualificaron o proceder da dereita, aliada cos grandes terratenentes, como "un golpe á democracia". O propio Lugo manifestou tamén o seu descontento co proceder do Congreso. Deixando clara a súa inconformidade co apresurado proceso "no que transgrediron todos os principios da defensa de maneira covarde e aleivosa", interpretou o seu afastamento do poder pola forza como "un golpe de Estado exprés".

O poder dos terratenentes bota embaixo o presidente
As palabras de Lugo ao redor da situación que vive Paraguai foron partilladas por líderes políticos do país, que entenden que a falta de violencia explícita nas medidas emprendidas para afastar o presidente do poder son mera maquillaxe coa que dar unha apariencia constitucional a unha toma de poder que foi, a todos os efectos, pola forza.

O conflito que finalmente lle arrincou o bastón de mando das mans a Lugo xestouse hai, polo menos, tres anos. O rexeitamento do presidente a reprimir os movementos do campesiñado que se enfronta cos grandes propietarios das terras valeulle o descontento destes últimos até o punto de que este golpe con coreografía legal foi alentado, entre outros poderes, polos propios terratenentes. Co ollar posto nas eleccións de abril de 2013, a oligarquía, a Igrexa e os medios de comunicación traballaron pola destitución do ex-bispo, eleito en 2008 e cuxo principal alicerce social era o 40% da poboación que vive no campo. O 30% destas persoas vive por baixo da liña da pobreza.

Lugo gañou con contundencia as eleccións o 20 de abril de 2008, após 61 anos de poder executado pola dereita de man do Partido Colorado. Rachar coas estruturas que mantiñan o Paraguai entre os países co reparto da riqueza máis desigual do Mundo foi a ousadía que cometeu o ex-bispo, que emprendeu un proxecto político apoiado polo pobo e rexeitado por un Congreso onde a maioría a tiña a oposición.

A reforma agraria que tiña na cabeza quedou finalmente aí, na súa cabeza, pois a necesidade dunha nova distribución da propiedade da terra bateu de fronte co rexeitamento do 2% das empresas do agro que controlan este ben nunha nación eminentemente agrogandeira, onde o 80% da superficie cultivábel son latifundios.

Diante deste panorama, cabe lembrar que o detonante para o xuízo foi o conflito da sexta, que deixou 17 mortos, once del@s campesiñ@s, no enfrontamento polo desaloxo dunha finca propiedade dun ex senador do Partido Colorado. Lugo ordenou a creación dunha comisión investigadora, e tal proceder foi interpretado como neglixente no Parlamento paraguaio.

Máis en Mundo
Comentarios