Miles aínda son escravos e escravas

Mauritania aproba unha lei contra a escravitude

Mauritania vén de aprobar recentemente unha lei contra a escravitude, co fin de que considere esta práctica tan estendida no país como un crime contra a humanidade, castigado con até 20 anos de cárcere.

Nuakchot, en Mauritania
photo_camera Nuakchot, en Mauritania

Malia que Mauritania conta con 3,4 millóns de habitantes, segundo as estatísticas de organizacións non gobernamentais conta con entre 340 mil e 680 mil persoas suxeitas á escravitude. Ademais, as ONG destacan que o 44% dos mauritanos gaña menos de dous dólares ao día. Neste contexto, Mauritania vén de promulgar unha lei para considerar a escravitude un crime contra a humanidade, castigado con até 20 anos de cadea.

A loita contra a escravitude neste país no que entre o 10 e o 20% do pobo é escravo provocou a persecución de activistas nos últimos anos por parte das autoridades gobernamentais. Deste xeito, o Goberno non só pechaba os ollos diante das denuncias das ONG, senón que chegou a perseguir as persoas que se afanaban en acabar coa escravitude, práctica que foi abolida aínda en 1981

Houbo que agardar até o 2007 para a aprobación dunha lei de castigo aos “donos” de escravos mais, segundo ONG, foron raros os casos que acabaron nunha condena. Porén, a organización SOS Slavery espera que a lei que vén de ser aprobada poida fomentar que as persoas sometidas poidan ser liberadas e os seus “propietarios”, castigados.

Máis en Mundo
Comentarios