Imputada a filla do Borbón no 'caso Nóos'

Declarará o vindeiro 27 de abril. A súa implicación no caso débese á condición de Cristina de Borbón e Grecia como copropietaria dunha das sociedades vencelladas coa apropiación indebida de fondos públicos por parte do seu home, Iñaki Urdangarin. A Fiscalía Anti-Corrupción anuncia que recorrerá a imputación.

Segundo informan diversos medios, a Fiscalía non partillaría a decisión adoptada polo xuíz instrutor, José Castro. É a primeira vez na historia da Casa real española que un dos seus membros destacados: unha das infantas, pasará polo xulgado para declarar como imputada. 

A Fiscalía Anticorrupción anunciou que recorrerá a imputación da infanta ao non ver, dixo, "entidade suficiente" para que esta for citada a declarar

A súa implicación na investigación por apropiación indebida de fondos públicos débese á súa condición de co-propietaria da entidade Aizóon e directiva de Nóos. Neste senso, Cristina de Borbón podería ter participado das actividades delictivas do seu compañeiro, Iñaki Urdangarin e do socio de este, Diego Torres. Neste senso, foi o propio Torres o que achegou probas documentais da suposta participación directa da infanta na actividade empresarial de Nóos --de cuxa entidade era vogal. Foron os correos electrónicos que o daquela socio de Urdangarin aportou á investigación xudicial os que motivaron a imputación de Cristina de Borbón cuxa declaración está datada para o vindeiro 27 de abril. 

A fiscalía anti-corrupción asegurou após coñecer a decisión do xuíz Castro que recorrerá a imputación da infanta perante a Audiencia Provincial de Palma. Ao entender do Ministerio Público, non existen probas suficientes que xustifiquen a presenza da filla do monarca na investigación. "Os indicios sinalados carecen da entidade suficiente", afirmaron fontes da Fiscalía, para proceder á citación da infanta. 

Máis en Mundo
Comentarios