O EX PRESIDENTE, NA CADEA

Guatemala vota no medio dun escándalo de corrupción

Máis de 7,5 millóns de persoas guatemaltecas están chamadas a votar nunhas eleccións xerais marcadas pola corrupción tras a renuncia do ex presidente Otto Pérez Molina.

[Imaxe: República GT] A ex vicepresidenta e o ex presidente de Guatemala
photo_camera [Imaxe: República GT] A ex vicepresidenta e o ex presidente de Guatemala

Nas eleccións convocadas hoxe elixirase un novo presidente, 338 responsábeis municipais, 158 parlamentares e 20 lexisladores ao Parlamento Centroamericano. De ser necesaria unha segunda volta, esta tería lugar o 25 de outubro. Os comicios teñen lugar nun contexto marcado polo escándalo da corrupción, logo da renuncia do ex presidente Otto Pérez Molina a pasada quinta feira.

Pérez Molina, que se atopa en prisión provisional, é acusado de liderar “La Línea”, unha estrutura de fraude nas aduanas que xa supuxo a detención da ex vicepresidenta Roxana Baldetti. Segundo as probas presentadas pola Comisión Internacional contra a Impunidade en Guatemala -avalada por la ONU- e polo Ministerio Público, ambos exgobernantes quedaban co 50 por cento do desvío millonario de dólares.

A xustiza guatemalteca impútalle ao ex presidente delitos de suborno pasivo, asociación ilícita e fraude aduaneira e a Fiscalía sinala que participaría no roubo de 130,3 millóns de dólares.

O novo xefe do Executivo tomará posesión do cargo o 14 de xaneiro de 2016, despois de que o presidente interino, Alejandro Maldonado, remate o mandato.

Máis en Mundo
Comentarios